O Concello de Pontevedra organiza para este mes de xaneiro un seminario de onomástica galega no Pazo da Cultura. O curso será impartido por Gonzalo Navaza, profesor de lingua e literatura da Universidade de Vigo e integrante da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, ademáis dun "excelente comunicador", tal como sinalaron a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e a técnico do Concello durante a presentación do evento. O seminario terá lugar en horario de 20.30 a 22.30 horas os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de xaneiro.
Logo de distintos encontros que sobre a temática se teñen desenvolvido no país, Pontevedra volve artellar este novo seminario. Lembremos que nesta cidade xa se desenvolvera o II Congreso Internacional de Onomástica Galega (2006), logo do primeiro encontro que no 2002 se articulara en Compostela.
"Ante todo, trátase de observar e sinalar a importancia e a pegada que teñen os nomes galegos tanto na nosa cultura, como no noso xeito de vida e na nosa civilización, que no noso caso presentan ademáis unha gran variedade e pola propia evolución da nosa lingua teñen unha orixe moi antiga", como asinalan desde enpontevedra.com.
Os contidos do seminario céntranse na toponimia e se amplían á onomástica persoal, posto que este tema xera moita curiosidade e é un bo xeito de axudar a reflexionar en torno ao galego e á cultura galega. Serán en todo caso sesións moi prácticas que estarán baseadas na discusión para falar con autonomía, xa que está demostrado que a falla de confianza é un dos factores máis importantes que inflúen no uso da lingua galega. En definitiva, trátase de dinamizar a nosa lingua.