Hai case tres anos que en terras luguesas os socialistas atinaran 45 dos 46 vencedores en prazas de oposición da deputación, pero o recente caso de Lalín non perde mérito: Adiviñaron os nomes dos gañadores das trece prazas de emprego público convocadas polo Concello de Lalín neste quinto mandato de Xosé Crespo.
Foi xa na altura de agosto de 2004 cando o grupo socialista no Deza foi por vez primeira á notaría de Silleda a deixar constancia do seu agoiro sobre as prazas para traballar no municipio que viñan de saír en convocatoria pública. Os socialistas locais afinaron prognóstico pouco despois, e feitas públicas as listas das persoas admitidas e excluídas para o proceso de concurso.
Así, e malia que 115 veciños optaron aos traballos convocados polo Concello de Lalín, foron as trece persoas que prognosticaban os socialistas os que obtiveron as prazas. A última denuncia do grupo municipal do PsdeG, a finais de 2006, tivo que ver co proceso selectivo convocado para unha praza de "Técnico en Cultura", onde detectaron "graves irregularidades e falta de transparencia", advertindo "sospeitosos indicios de estar previamente amañado".