Non parece probábel que Pescanova vaia renunciar ás alternativas xa negociadas para novos proxectos acuícolas na costa luguesa, onde os petos dos galegos financiarán ademais a metade do custo dos proxectos, máis de 120 millóns de euros en total. Na mesa está ademais o borrador do plan para acuicultura presentado pola Consellaría de Pesca ao sector hai poucos días, e que en marzo se coñecerá en detalle. E porén, a empresa remitiulle un escrito á Comisión do Mercado de Valores, indicando que en principio só afrontará como novos investimentos a fábrica anunciada para Portugal e a ampliación en Xove. No fondo, estaría a presión á Xunta para que flexibilice o escenario para o sector, segundo se desprende tamén da entrevista concedida polo presidente da empresa ao Faro de Vigo.