Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
ESTUDO DO WIDER

A metade da riqueza do mundo, nas mans do 2% da poboación

Na publicación electrónica Sin Permiso, o analista político Michael R. Krätke, colaborador habitual no semanario alemán de esquerda Freitag, fala do estudo publicado recentemente polo WIDER da Universidade das Nacións Unidas en Helsinski. Nel investígase, por primeira vez, a distribución da riqueza no mundo e a súa evolución até o 2000 de xeito rigoroso, tomando en conta un 94% da poboación mundial.

- 10:06 16/01/2007
Tags:

"A Academia de Dijon puxera a cuestión sobre a mesa en 1754, e Jean Jacques Rousseau escribiu en Sobre a orixe da desigualdade entre os homes que a orixe está na propiedade privada, na apropiación privada da riqueza do mundo." Miles de millóns de persoas sobreviven con menos dun dólar ao día, e a metade da poboación mundial, con dous. Hai 2.800 millóns de pobres en todo o mundo, 1.300 millóns na miseria. Non é algo exclusivo dos países do Sur: en Alemaña, un dos países máis ricos, o número de pobres chega ao 13,5 % da poboación.

"A medición da desigualdade social mundial nunca foi un tema prioritario para o Banco Mundial e o FMI. Si para as Nacións Unidas. No seu Informe sobre o Desenvolvemento Social Mundial do 2005, o Banco Mundial considera que a crecente desigualdade económica entre as distintas rexións do mundo e dentro dos países, é causa decisiva da violencia e do perigo de guerra (civil), e dubida que sexa posíbel achegarse e menos aínda acadar o obxectivo proposto pola Conferencia Mundial de Copenhague de 1995: reducir á metade a pobreza mundial". Mais o primeiro dos Obxectivos do Milenio estaría en vías de ser acadado de funcionaren vías alternativas de financiamento, como o microcrédito.

Pero distribuición da riqueza aínda é máis desigual cá dos ingresos: non se pode ter unha idea da desigualdade económica real sen aanlizar os dous parámetros por xunto: no estudo do WIDER abórdase a distribución global da riqueza na poboación adulta en función do ingreso familiar neto. Só se puido contar con estatísticas complexas de dezaoito países, e houbo que realizar enquisas, co problema que isto carrexa: as débedas e o patrimonio financeiro (particularmente inmobiliario) non se recollen axeitadamente.

O 90 % da riqueza mundial (ingreso familiar neto) está concentrado en Norteamérica, Europa e na rexión pacífico-asiática (O Xapón e Australia). Norteamérica, cun 6 % da poboación adulta do mundo, dispón dun terzo do ingreso mundial; á India, cun 15% da poboación do mundo, apenas un 1%. Pero tamén no Norte hai diferenzas: non é o mesmo o ingreso en Irlanda ca en Suíza ou nos EUA.

Os ricos máis ricos teñen unha fortuna superior aos 500.000 dólares (falamos de 37 millóns de persoas adultas), e esa cifra ten xa aumentado dende o 2000. Ou o que é o mesmo, corenta veces máis ca o cidadán promedio do mundo. O 85% da riqueza está nas mans desa elite, o 10% da poboación mundial. É máis: a metade das riquezas do mundo son propiedade do 2% das persoas que o habitan.


Documentos

0/5 (0 votos)