A longametraxe animada dirixida por Miguelanxo Prado, o máis internacional e recoñecido dos autores de BD galega, preséntase este martes en Barcelona coa presenza do director, do compositor Nani García e os produtores Pancho Casal e Chelo Loureiro, nunha rolda de prensa nos cines Renoir Floridablanca. A película, coproducida por Continental e distribuída por Altafilms, é un dos filmes galegos candidatos aos Premios Goya "como mellor película de animación" e xa foi presentada na Coruña no mes de outubro, coa interpretación en directo da Orquestra Sinfónica de Galicia, e en Madrid a semana pasada.
Entre os moitos recoñecementos á obra de Miguelanxo Prado, cóntanse dous premios na edición do 2005 do Saló del Còmic de Barcelona por A mansión dos Pampín, como mellor guión e como mellor autor, e a dedicación dunha das exposicións principais da feira na edición do ano pasado. Pero a súa obra tamén saíu da banda deseñada para brincar ao teatro, coa representación no Versus Teatre da obra en catalán Quotidiana delirant, a cargo de compañía Versus & Cia e baseada nas historietas de Prado, recollidas por Norma Editorial baixo o título Quotidianía delirante.
Na edición 'Tempos Novos' de Vieiros pódese un ler un artigo sobre o filme titulado 'O directo da sintaxe mariña', de Aurelio Castro, e tamén un interesante artigo do ano 2000 non que se analizaba a situación do cómic galego, daquela: 'Cómic en Galicia: e pur si muove'.