A Semana Verde de Galicia, que naceu coa vocación de ser o escaparate mundial do noso sector agro-gandeiro, esmorece dende hai anos. O executivo do PP gastou entre 1991 e o ano 2000 máis de 60 millóns de euros en apoiar o proxecto, de pouco serviu a inxente cantidade de diñeiro público investido. Na última lexislatura o goberno Fraga, canso de ver o panorama, xa decidiu pechar a billa monetaria. O PSdeG e o BNG chegaron á Xunta no verán de 2005. Entre os acordos está o de relanzar as instalacións de Silleda. As consellarías de Economía, Medio Rural e, moi especialmente a de Presidencia, que mantén o protectorado, aínda non atoparon unha saída. Segundo fontes da Xunta, calquera solución ten que pasar primeiro pola saída do sempiterno presidente do recinto Xosé Maril, que percibe un salario bruto anual de máis de 100.000 euros. Os intrincados labirintos da Semana Verde posibilitan que siga mandando tres anos máis, mentres a dédeba aumenta.
Mentres os operarios do recinto falaban dunha posíbel creba económica, Maril subliñaba esta semana que a Semana Verde non ten débedas. Dende a Xunta pensan de maneira totalmente distinta. Se ben Maril foi a "alma mater" do proxecto durante moitos anos, os dous partidos saben que dende hai tempo é un atranco máis. Unha fonte do goberno consultada por este xornal sinala que a débeda non só existe senón que é desorbitada. De feito, tanto socialistas como nacionalistas saben que o futuro a curto prazo do recinto pasa por un plan de saneamento. Se no ano 2000 o défice recoñecido chegaba aos tres millóns de euros, o bipartito coida que a débeda real é moito maior.
Un dos departamentos máis belixerantes é o de Medio Rural. A consellaría coida que é preciso un cambio radical na orientación da Semana Verde. Os de Suárez Canal queren que o recinto sirva de escaparate dos produtos galegos cara o exterior e non como na actualidade, onde moitas veces as empresas estranxeiras aproveitan as instalacións para dárense a coñecer aquí. Polo de agora, Medio Rural aposta pola Lonxa Agropecuaria e limitouse a apoiar a última feira da Semana Verde con algo máis de 102.000 euros. Hai que lembrar, pola contra, que na década dos 90 a Xunta destinábase unha media de 1,3 millóns de euros á promoción e organización deste evento.