Galiza está presente este ano, de novo, na feira editorial da Habana, que se desenvolve entre o 8 e o 18 de febreiro na capital cubana. Até aló desprázanse, xunto ao director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, membros das asociacións galegas de Editores, de Escritores e do Libro Infantil e Xuvenil. O noso país está representado, ademais, por contacontos e figuras da música, a danza e a literatura, que intervirán en actividades paralelas á feira. Xa está confirmada a presenza de Narf, Ugia Pedreira, Branca Novoneyra, Quico Cadaval, Anxos Sumai, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán Vello e Cesáreo Sánchez.
A representación galega está promovida pola Consellería de Cultura e Deporte, que decidiu repetir despois do éxito acadado na anterior edición, con máis dun millón de visitantes. Para o ano 2008, Galiza será o país convidado na feira do libro da Habana, punto de encontro do sector editorial cubano e de toda América Latina. A consellaría confía en que a presenza nesta feira servirá para dar a coñecer a nosa literatura e a nosa cultura e mellorar as relacións culturais entre Galiza e América.