Este mércores 10 de xaneiro ás dez, o Cineclube de Compostela inaugura o ano cunha proxección especial: CCCV (Cine Clube Carlos Varela) do cineasta lugués Ramiro Ledo Cordeiro, na que se recuperan as filmacións de Carlos Varela Veiga. Nelas, o director, coa súa cámara de Súper 8, recolle o agromar da consciencia do pobo galego cara á súa autoorganización, e da loita contra a represión no posfranquismo máis inmediato. Con ese material o director, guionista e realizador do filme, Ramiro Ledo, compón unha historia que fai revivir a traxectoria e o estilo do cineasta galego. Na proxección contaremos coa presenza do realizador, que explicará ao público asistente como construíu o filme a partir do proceso de escolma e tratamento do material orixinal ao que tivo acceso. Tamén han ser proxectados anacos inéditos do material filmado por Carlos Varela Veiga, que até o de agora non saíran á luz.
Enraizado no cinema directo dos EUA e a Francia do sesenta e oito: as gravacións de Chris Marker do pobo norteamericano contra a guerra de Vietnam (A Sexta cara do pentágono; O fondo do aire é vermello), o Willian Klein de Grandes seráns, pequenas mañás, ou a Batalla de Chile de Patricio Guzmán.
O director vai encadeando a historia do nacionalismo galego entre os anos 1975 e 1980 escollendo as imaxes que o cineasta Carlos Varela deixou nun alarde de premontaxe na gravación. O filme producido por NÓS, Productora Cinematográfica Galega, S.L., da que Carlos Varela fora fundador en 1976, e coproducida pola Fundación Bautista Álvarez, recupera as súas gravacións, patrimonio da cultura galega.
CVV
Carlos Varela Veiga curtiuse na animación e na dirección do cineclube Valle-Inclán de Lugo dende 1971, admiraba a Joris Ivens, e diversas tendencias do cinema: dende o construtivismo soviético de Eisenstein e Dovjenko, ao cinema ollo de Dziga Vertov (O home da cámara), ou pór a cára e deixar que as cousas pasen diante dela, e despois traballar coa montaxe. Tamén a denuncia de latinoamericanos coma o cubano Santiago Álvarez (Now!) ou o boliviano Jorge Sanjinés, "mais a súa figura fica hoxe no esquecemento do pobo galego, paradoxalmente orfo de imaxe colectiva nun cinema propio até se ver reflectido no celuloide de Carlos."
As súas gravacións camiñan parellas á aposta de Carlos Velo nas V Xornadas de Cine de Ourense (abril, 1977), xa que parten dunha estrutura documental para o cinema galego coa realización dun noticiario de produción mensual. Un cinema documental de acción directa, que se achegase á realidade do momento. Carlos percorreu Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica do movemento nacional-popular galego, mais deixou toda unha estela de traballo exemplar no eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo cos tapices…
Elaborou o anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de Cineclubes de Galiza en 1977 (que tomou forma definitiva en 1984), fundou e dirixiu en 1975 "Nós" Cinematográfica Galega e deseñou o anagrama desta sociedade que, no artigo segundo dos estatutos fundacionais, defendía a "incorporación á cultura galega do fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións".
Na súa memoria, creouse en Compostela o Cineclube Carlos Varela Veiga, que se mantivo en activo entre 1982 e 1987. No tempo do maio francés, no que se filmaba en 16mm., o pobo galego loitaba contra a usurpación do areal de Baldaio, resistíase ás expropiacións nas Encrobas, marchaba de Viveiro a Xove para evitar a instalación da central nuclear na costa de Lugo, concentrábase no pavillón de Lugo para suprimir a cota empresarial da Seguridade Social Agraria, e celebraba os días da Patria en Compostela.
A cámara de Carlos Varela captou a resistencia nos últimos anos do franquismo, sen apenas medios, nin recoñecemento. O obxectivo da superoito foi testemuña e rexistro dunha loita, que agora se rescata do esquecemento.