A comunidade internauta de Brasil está en pé de guerra logo de que un tribunal do país decidise bloquear o acceso ao YouTube por non acatar a orde de retirar un vídeo da modelo Daniella Cicarelli. A ex esposa do futbolista Ronaldo foi gravada hai uns meses por un paparazzi mentres gozaba dun momento íntimo co seu mozo nunha praia de Cádiz. O vídeo emitiuse por Tele 5 e posteriormente subírono ao YouTube. Até agora, os esforzos dos administradores por eliminar o vídeo non deron resultado xa que os usuarios seguen a subir o arquivo pero con outros nomes. Segundo os internautas brasileiros, a orde xudicial é "censura e un ataque á liberdade de expresión".
Logo de que as súas 'caricias' na praia percorresen todo o mundo a través de YouTube e portais similares, a parella formada por Daniella Cicarrelli e Renato Malzoni decidiu demandar a varias páxinas web reclamando unha indemnización económica así como a retirada do contido ao consideralo privado. A xustiza brasileira aceptou a reclamación e pediulle aos portais a que eliminasen o vídeo. Porén, YouTube non acatou a orde polo que finalmente o xuíz acordou un bloqueo para que cumpra coa resolución.
Segundo o avogado da parella, o bloqueo de Youtube é tecnicamente posíbel e será cumprido pola empresas brasileiras que lle subministran a conexión internacional de internet ao país: "Non será YouTube quen suspenda as súas actividades para Brasil, senón que serán as empresas que ofrecen ese acceso as que deberán filtrar o tráfico para evitar que os brasileiros poidan acceder ao portal de vídeos".
Aínda así, segundo as declaracións dun membro do Ministerio Público que recolle o xornal O Estado de Sao Paulo, a clausura de YouTube "sería impracticábel", debido á dificultade técnica de bloquear o acceso dos internautas brasileiros ao sitio.