O portavoz de Lingua do BNG, Bieito Lobeira, rexistrou esta semana unha pregunta no parlamento para a súa resposta escrita, sobre as iniciativas que ten previsto adoptar a Secretaría Xeral de Política Lingüística na galeguización dos xoguetes e agasallos dirixidos aos cativos. Lobeira recordou o importante papel que no desenvolvemento dos nenos xogan os xoguetes e agasallos que receben, polo que pódense converter nun instrumento máis na normalización do galego.
Como exemplo, o deputado citou as bonecas faladoras que, malia seren xoguetes moi habituais entre os máis pequenos, "non falan unha soa palabra en galego. Só falan español e reproducen o esquema lingüístico imposto". Porén, si existen bonecos que falan noutras linguas do Estado, como é o caso do catalán. Lobeira manifestou a importancia que tamén ten a oferta de filmes en DVD cunha dobraxe e un subtitulado en galego.
"É unha oportunidade para gañar espazos na normalización da nosa lingua nun sector como o da infancia, tan necesitado de iniciativas destas características", sinalou o nacionalista.