Este ano medrou o número de candidaturas aos Premios Mestre Mateo, que concede a Academia Galega do Audiovisual. A falta de se completar o prazo regulamentario de recepción de ofertas, o aumento xa é do 55% de empresas produtoras e do 26% no número de traballos. Son 63 as entidades que enviaron un total de 125 producións ou coproducións que optan ás 25 categorías de premios. Este é o primeiro ano en que se crea unha comisión formada por profesionais do sector que se encargará de comprobar que os traballos cumpren todos os requisitos. Esta comisión aínda podería recibir algúns candidatos máis, enviados antes do remate do prazo, o 2 de xaneiro, e deberá elaborar a listaxe definitiva das candidaturas. Despois serán os socios os encargados de efectuar as votacións, de cara á gala de entrega dos premios, prevista para a primavera.