Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO MILLEIRO DE PALESTINOS SERÍAN CEIBADOS EN TROQUES DA LIBERACIÓN DUN MILITAR ISRAELÍ

Hamás e Israel acordan un intercambio de prisioneiros

Israel e Hamás chegarían a un acordo para a liberación do soldado hebreo Gilat Shalit, secuestrado o pasado 25 de xuño por militantes desta última organización, segundo informaron fontes palestinas anónimas ao diario israelí Haaretz. O goberno israelí estaría disposto a ceibar 450 prisioneiros palestinos en troques da liberación do militar. As mesmas fontes aseguran que a oferta realizada polo goberno israelí foi aceptada nun principio por Hamás.

- 10:57 03/01/2007
Tags:

Segundo a proposta, Hamás entregaría nun primeiro paso a Israel un vídeo no que se demostre que Shalit, de 20 anos, está vivo, e pola súa banda Israel deixaría ceibes un número de mulleres e menores palestinos retidos en cárceres israelís. Posteriormente, Shalit sería transferido a Exipto, e despois a Israel, ao tempo que as autoridades hebreas deixarían libres 450 presos palestinos.

Nun último paso, logo de dous meses, Israel comprometeríase a ceibar a outro número indeterminado de presos. As autoridades israelís serían as encargadas de decidir cantos presos se liberarían e as súas identidades neste paso final, mais as fontes afirmaron que se prometera actuar con "xenerosidade".

Ademais, unha delegación exipcia reuníuse o pasado domingo en Gaza co presidente palestino, Mahmud Abbas, para darlle conta do acordo entre Hamás e Israel.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: