Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[GALIZA – ECUADOR]

Todo o que necesitas saber sobre o Galiza - Ecuador

Xa está todo listo no estadio de Riazor para acoller o segundo partido da selección galega de fútbol. A paixón polas nosas cores xa se está a vivir nas rúas da Coruña coa mente posta en repetir a noite máxica de hai un ano en San Lázaro. O espectáculo no terreo de xogo comezará ás nove da noite e durará até ben entrada a madrugada coa celebración dun concerto ao remate do encontro. Tanto se vas ir a Riazor como se o vas ver pola televisión, aquí vai un resumo con todo o que debes saber sobre o choque entre Galiza e Ecuador.

- 13:42 28/12/2006
Tags:

Galiza – Ecuador
Xoves 28 de decembro ás 21:00 horas no Estadio de Riazor da Coruña.

Trátase do segundo encontro da selección galega de fútbol desde a súa reaparición o ano pasado logo de máis de setenta anos de inactividade. En decembro de 2005 gañouse a bicampioa do mundo Uruguai por 3-2 nun encontro disputado no estadio de San Lázaro en Santiago de Compostela.

As entradas poden adquirirse no servizo de venda electrónica de Caixanova (www.servinova.com) ou nos despachos de localidades de Riazor até a hora de comezo do partido. Prezos de 8 a 15 euros.

O encontro celébrase na Coruña con motivo do centenario do Real Club Deportivo.

Unha hora antes do comezo do encontro varias agrupacións musicais quentarán o ambiente no estadio coruñés.

A selección galega chegará a Riazor ás 19.30 horas e fará a súa foto oficial sobre o céspede ás 20:20 horas.

A convocatoria galega está formada por: Diego López (Real Madrid); Roberto (Sporting de Xixón); Barragán (Deportivo); Roberto Lago (Celta B); Noguerol (Albacete); Capi (Murcia); Rubén (Rácing de Santander); Manuel (Tenerife); Borja (Valladolid); Viqueira (Recreativo de Huelva); Diego Castro (Sporting); Iago (Deportivo); Nano (Cádiz); Julio Álvarez (Numancia); Trashorras (Las Palmas); Couñago (Málaga); Losada (Valladolid); Jonathan Pereira (Villarreal); Jonathan Vila (Celta) e Fuentes (Ponferradina). Os adestradores galegos son Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias.

O capitán da selección galega será Viqueira.

A convocatoria ecuatoriana: Damián Lanza (Aucas); Rorys Aragón (Standard Lieja de Bélxica); Jairo Montaño (Barcelona); Paúl Ambrossi (Liga de Quito); Omar De Jesús Borja (El Nacional); Arlin Ayoví (Olmedo); José Luis Perlaza (Olmedo); Renán Calle (El Nacional); Segundo Castillo (Estrella Vermella de Serbia); Marlon Ayoví (Universidad Católica); Pedro Quiñónez (El Nacional); David Quiroz (El Nacional) Edder Vaca (Deportivo Azogues); Cristian Noboa (Emelec); Luis Fernando Saritama (Tigres de México); Edmundo Zura (Imbabura); Cristian Benítez (El Nacional); Felipe Caicedo (Basilea de Suiza); Christian Lara (Al Wakrah) e o capitán Iván Hurtado (Al-Arabi). Dirixe o conxunto Luis Fernández Suárez.

O colectivo Siareir@s Galeg@s realizarán unha manifestación en prol da representación oficial da nosa selección dúas horas antes do comezo do encontro. A mobilización sairá da Praza da Leña, ás 19 horas, e rematará ás portas do estadio coruñés.

O mesmo colectivo organizou viaxes en autobus até A Coruña: Lugo, saída ás 16:00 da estación de autobuses; Trasancos, 16:00 na Porta Nova (Ferrol); Vigo, 15.30 Praza de España; Santiago, 16:30 Xoan XIII; Pontevedra, 16:00 Concello, Mariña Lucense: Xove 15:00, Viveiro, 15:15 e Burela 15.30; Ourense, 16:00 Estadio do Couto; Ponteareas, 15:00 e Redondela 15:30 nas estacións de autobuses. Xinzo e Allaríz, 15:30 e 15:45 nas estacións de autobueses e Noia ás 17:00 na Casa da Xuventude.

Como chegar a Riazor desde a estación de trens, estación de autobuses, por estrada: desde a AP-9 ou desde a Autopista A Coruña – Carballo.

Relación de aparcadoiros próximos ao estadio.

As liñas 3, 3A e 7 do servizo urbano de autobuses teñen parada a poucos metros das instalacións.

A Televisión de Galicia (TVG) retransmitirá en directo para toda Galiza o encontro. Pero non vai ser a única, doutro xeito tamén retransmitiremos o encontro minuto a minuto neste medio.

Despois do encontro, ás 22.30h, celebrarase un concerto de rock no Pazo de Deportes de Riazor, detrás dun dos fondos do estadio, que contará coas actuacións da banda coruñesa Meu, o grupo sueco de punk-rock Backyard Babies e os vigueses Siniestro Total. A entrada custa 5 euros.

O grupo Nao tamén ofrecerá outro concerto con motivo do encontro a partires das 23:45 na sala Inox da Coruña.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: