Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O 2007 ABRE CON 'CINECLUBE CARLOS VARELA'

O Cineclube de Compostela despide o ano con Cassavetes e anuncia novidades

Faces, do cineasta John Cassavetes, a quen Ray Carney chemou "pai do cinema independente norteamericano", pecha as sesións das que puidemos gozar ao longo deste outono no baixo do local social O Pichel. O Cineclube de Compostela achegounos un ciclo sobre a cidade, a estrea en Galiza do filme Ao leste dos camiños de ferro, de Wang Bing, e tamén filmes de Buñuel, Watkins ou Gutiérrez Alea. Agora despide o ano con este filme sobre a ruptura: Richard Forst vai vello, e unha noite engana á súa muller con Jeannie Rapp, mentres a súa dona é seducida por un home de Detroit, Chet. A neurose e insatisfacción dun matrimonio de clase media nos sesenta, os monólogos nocturnos de empresarios arrepentidos de seren tan burgueses, discurso metacinematográfico... Cassavetes creou unha forma americana de cinéma vérité co seu uso innovador da cámara de cine, perspectiva intensamente emocional, e a énfase na improvisación. Este mércores 27, ás dez, no Cineclube.

- 08:40 28/12/2006
Tags:

Ademais, o Cineclube preséntanos xa a súa programación de inverno: o mes de xaneiro, baixo o título Cinema e Memoria, acolle unha serie de documentos e testemuños dunha época. Comeza o mércores 10 de xaneiro co documental CCCV-Cineclube Carlos Varela, dirixido por Ramiro Ledo Cordeiro, fundador do Cineclube. Xa o 17, poderemos ver Raymundo, de Ernesto Ardito e Virna Molina, no que segue a vida do cineasta arxentino Raymundo Gleyzer (en Sono-Tone hai unha crítica de Ramiro Ledo). O 24 adentrámonos na vila que foi a patria chica de Neruda da man dos documentalistas Joris Ivens e Chris Marker: A Valparaíso gravouse a comezos dos 60. Despois vén unha mediometraxe sobre a Arxentina convulsa daquelas, Tire Dié, de Fernando Birri. E xa para rematar, o 31, Sans Soleil, de Chris Marker, ou o tema de Mussorgski feito cinema. En febreiro, péchase este ciclo o día 7 con Bs. As., de Alberte Pagán, coa presenza do director.

Ciclo Straub-Huillet-Costa
Febreiro continúa honrando a estes tres cinestas, que mesmo conflúen nun filme metacinematográfico, como veremos: o portugués Pedro Costa, o día 14, con Ósos, a súa terceira longa, sobre a miseria humana nun barrio baixo de Lisboa. recentemento puidemos ver os seus filmes no CGAI, como No quarto da Vanda, de temática semellante. O 21 de febreiro, veremos tamén Onde xace o teu sorriso?, coproducido entre Portugal e Francia, un documental sobre dous cineastas que loitan por sobrevivir na industria cinematográfica: Danièlle Huillet e Jean-Marie Straub, facendo de si mesmos. Precisamente deles dous é Sicilia!, o drama do retorno á terra dun nativo da illa que vén de pasar a vida en Nova York.

E en marzo...
O mércores 7 abrimos o mes co'A rapaza da caixa de chapeus, un filme mudo (data do 27) do soviético Boris Barnet: a historia de Natasha e a súa avoa, que sobreviven facendo sombreiros nunah aldea próxima a Moscova. O día 14 é a quenda de Rainer Werner Fassbinder: pegamos un chimpo aos últimos setenta, e A terceira xeración trae humor e terror a partes iguais, ao amosarnos unha sociedade irracionalmente violenta. Xa o 21, veremos A sedución do caos, de Basilio Martín Patino, un thriller que foi emitido por televisión, sobre o asasinato dun intelectual. E, despois da festa coa que o Cineclube celebrará o seu sexto aniversario, o sábado 24 de marzo, o mércores 28 veremos Dar a luz, de Víctor Erice, e Dez, de Abbas Kiarostami. A primeira forma parte do proxecto colectivo Ten minutes older, producido por Nicholas Mc Clintock, e no que participan tamén Jarmusch ou Bertolucci. Dez minutos de vida dun recén nacido. Dez historias as que nos conta Kiarostami: dez situacións, dez diálogos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: