Coincidiron os tres grupos parlamentarios na apertura dunha comisión parlamentaria que analice o acontecido na vía rápida do Salnés, onde os recentes trebóns causaron fochancas e derrubamentos, malia que as posicións desde as que afrontan a investigación son ben diferentes. Reaparecido na escena do Parlamento, o ex conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña, asegurou que o PPdeG asumirá "o que teñamos que asumir", asegurando non ter "nada que ocultar". Na súa opinión, o deterioro débese ás obras que se estaban realizando hai pouco. Desde o PSdeG, o deputado Abel Losada laiouse de que reparar a vía vai custar oito millóns de euros, "o dobre" do que os populares "aforraron" no seu momento. Das presas na construción e do orzamento non gastado tamén falou Carme Silva, deputada do BNG, apuntando posíbeis causas do acontecido.