Non son moitos os que poden presumir dunha traxectoria tan dilatada con pouco máis de trinta anos. Eladio Santos, un dos compositores máis prestixiosos e queridos da música viguesa está de actualidade. Este venres 22 de decembro actúa na sexta edición da gala de entrega dos Premios da Música Maketón Estrella Galicia e podería incluso recibir un dos galardóns precisamente en recoñecemento á súa traxectoria. Din del que é un cruce galáctico e galaico entre Bambino, Astrud e Beck e que sorprende e cativa a todos os que o escoitan. A cita con ‘Elodio y los seres queridos’ é ás 22:30 na Fábrica de Chocolate de Vigo.
Medusa, Tony Lomba y Elio do Santos, Foogy Mental Breakdown, Brandell Mosca, Los Tres Sudamaricones... que achega Elodio y los seres queridos á música que non fixeras xa antes?
Para min é como unha conta que levaba pendente xa hai uns anos. Moitas destas cancións levaban tempo no caixón e tiñan que saír por algún lado. En certo sentido é unha volta ás miñas orixes, ás ideas das primeiras maquetas que gravei na casa.
As túas novas cancións teñen unha textura máis de autor pero sen perder as túas referencias pop de anteriores proxectos. Foi unha evolución procurada conscientemente?
Pois supoño que é o que pasa cando chegamos a certo momento, de cantantes pasamos a ser cantautores (risos). A verdade é que estou un pouco farto dos rituais do rock: encántame tocar pola tarde ou polas mañas e que todo o
publico estea en silencio... podo facer un montón de matices, xogar coa intensidade, cantar berrando ou sen berrar, rumorear... O grupo en directo e algunhas cancións do disco tamén creo que teñen algo de rock progresivo ou new age, folk, techno... alguén me dixo que lle lembraba a Brandell Mosca. O do fondo pop e inevitábel utilizo o mesmo método que Marilyn Manson ou Laura Pausini: cancións populares con retrouso. Non sei traballar con outro, non son un virtuoso.
Unha formación sen batería e con guitarra de doce cordas. Rachou a electrónica co concepto de grupo habitual?
O que pasa cando toco cun batería é que acabo tocando para el, contáxiame as súas maneiras e non eu as miñas (risos). O batería é o director da orquestra. Tampouco quero ter patróns fixos, quero poder cambiar as cousas cada noite. Ata o momento o único xeito de levar a cabo as cancións en
directo é unha caixa de ritmos que controlo cos pés e dous músicos moi intuitivos (Manuel Santamaría e Pablo Muñiz) a aos que lles cambio as cousas todas as semanas. Tamén levo eu mesmo o son, ningún técnico se atreve a meter tanta reverberación. Ultimamente incorporamos unhas proxeccións... estamos en plena procura.
É típico dicir que as letras falan dos sentimentos máis cotiáns... en que se diferenza Elodio neste aspecto doutros grupos?
Non creo que os temas das miñas cancións sexan sentimentos cotiáns, de feito moitos temas falan de cousas moi rimbombantes como a relixiosidade, a ciencia ou o paso do tempo. Ás veces nin eu mesmo sei de que falan ata que pasan uns meses (risos). Aínda así, gústame facer letras cun ton coloquial, empregando as palabras que usamos todos os días. Gustaríame falar claro de cousas escuras.
É imposíbel conseguir unhas malas palabras sobre a túa persoa nun mundo tan competitivo como é o da música. Axuda a personalidade dun a facer que as cancións cheguen mellor ata o público?
Non creas que son tan querido! Traballo como técnico e de cando en vez hai algún que ten máis ganas de discutir comigo que de soar ben (risos). Hai que amar a musica e as cancións por riba de rivalidades e envexas, sen medo. Non facelo é volverse tolo seguro. De todos os xeitos, o mundo do rock e da
farándula é un mundo de sentimentos e ilusións. Moitos músicos temos prexuízos uns dos outros ata que nos coñecemos. Eu levo uns anos e coñezo e traballei con moita xente e moi diferente.
Nunca che tremeu o pulso á hora de finalizar un proxecto e comezar un novo. Ten data de caducidade Elodio y lo seres queridos?
Sempre sentín que realmente non tiña outra elección... teño que seguir as chamadas da inspiración e renovarme constantemente para non perder o fío.
Tes un disco xa gravado e aínda sen editar. Algúns medios estatais chegaron incluso a anunciar unha data de lanzamento alá por outubro. Que pasou?
Aínda non temos una data de saída, todo o mundo pensa que xa saíu o disco porque xa soa nas radios e chegou ata o numero 1 nalgunha lista de internet. Lanzáronse a promocionalo e anunciaron una data de saída en toda a prensa especializada. Creouse unha expectación pero ao final non se puido cumprir. A Incubadora está nos últimos postos de decisión dunha multinacional e imos ver que pasa nestas próximas semanas. Son curiosas as situacións que se están a dar, non somos nós os únicos. Pronto quizá deixe de
ser fundamental sacar un disco. Os patróns de traballo da industria discográfica están obsoletos e xa nada funciona como antes, nin as gravacións nin as promocións nin os contratos (risos). O único que segue inalterábel é o directo e o management é cada vez máis importante.
Este ano es candidato ao premio Maketon Estrella Galicia á mellor traxectoria. Dá vertixe ese recoñecemento tan cedo?
Como todos os cantantes son un vaidoso total (risos). Encántanme todas as candidaturas que veñan...
Gael García