Os dous partidos que sustentan o goberno galego, PSdeG e BNG, acaban de presentar unha iniciativa para que se cre unha comisión de investigación arredor da vía do Salnés. O portavoz nacionalista, Carlos Aymerich, manifestou que o bipartito está disposto a chegar "ata o final" para evitar que se repitan situacións semellantes. A comisión parlamentaria terá que buscar explicacións os escandalosos afundimentos e derrubes que obrigaron a cortar a estrada, inaugurada hai pouco máis de trece anos. Entre outros aspectos, os técnicos deberán explicar se as obras acometidas se axustaron ao proxecto.
Aymerich cre que hai que botar luz sobre o que ocorreu arredor desta infraestrutura, que acabou converténdose "nun grave perigo para os seus usuarios". Hai que lembrar que a principal arteria de comunicación da comarca do Salnés presenta graves fochancas e derrubes en parte do trazado. A vía estará pechada polos traballos de reparación ata o vindeiro verán. O rápido deterioro fai pensar en irresponsabilidades políticas ou técnicas no seguimento da obra.
O ex conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña, foi o impulsor desta importante obra. Diante das acusacións cara a súa xestión, o deputado popular negou rotundamente calquera responsabilidade política e mostrouse disposto dende un primeiro momento a unha investigación. Posteriormente, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, acusou á Xunta de empregar tubos de drenaxe na autoestrada Santiago-Ourense idénticos aos que se estragaron no Salnés.