Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EDUCACIÓN GÁBASE DA COMPRA DE MÁIS DE 55.000 ORDENADORES

"Dotan ás escolas con ordenadores e logo non saben que facer con eles"

"Os galegos non contratan ADSL porque non lle ven utilidade". É unha denuncia do profesor da Universidade de Santiago, Carlos Ferrás. Este experto advirte que a solución ao atraso tecnolóxico galego non pasa só por incorporar equipos porque "dotan aos centros de ensino con computadores e logo non saben que facer con eles, o cabo dun ano avaríanse, en dous anos están desfasados". Hoxe mesmo a Consellería de Educación publicita a compra de máis de 55.000 computadores en dous anos. Na opinión de Ferrás, formar aos cidadáns e ofrecerlles servizos útiles deben ser as medidas máis urxentes para superar a fenda dixital.

- 15:40 18/12/2006
Tags:

O coñecemento deste profesor de Xeografía Humana sobre a extensión das novas tecnoloxías en Galiza non nace unicamente dos libros, pois Ferrás tamén é o responsable de InfoBrion.com, unha pioneira iniciativa que achega a vida deste concello rural a internet. Neste portal, os veciños aprovéitanse de contidos e servizos moi próximos, por exemplo, un mercado virtual no que se vende viño da casa para as festas de Nadal.

Hoxe a Consellería de Educación presentou o seus programas de renovación de computadores, a través do que se incorporaron 27.000 equipos ao ensino este ano. Para o 2007 que ven está previsto "un esforzo similar", segundo a Xunta. A pesar disto, Galiza é a autonomía cun menor uso de internet nas escolas.

Ferrás defende que motivar aos galegos a usar a rede ofrecéndolles formación e contidos que sexan realmente útiles debe ser a prioridade. "Preto do 90% da poboación de Galiza pode ter acceso a banda larga e, sen embargo, non lles interesa" indica este experto nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI):

A fenda dixital galega é un problema de infraestruturas?
Ollo coas infraestruturas, son imprescindibles pero non se pode centrar o discurso só nelas. O que pasa, por exemplo, é que dotan aos centros de ensino con computadores e logo non saben que facer con eles. Ou tes recursos humanos ben formados e fomentas o uso intelixente das comunicacións ou senón non serven para nada. O cabo dun ano os ordenadores avaríanse, en dous anos están desfasados... . Hai que incidir na motivación, na creatividade, que é moi importante no rural galego.

Pode sinalar un exemplo de como deben penetran as novas tecnoloxías no rural?
O noso grupo de investigación lanzou unha iniciativa moi interesante na parte rural de Brión, que ten moitos problemas para conectarse ao ADSL. Nós creamos, co Concello, a rede de puntos dixitais de acceso gratuíto nas tabernas, que son os lugares de relación social. Eses computadores espertan a curiosidade dos veciños sobre o que é internet . Mentres toman un viño poden ver as testemuñas dos seus familiares en InfoBrion, ler os traballos dos seus fillos na escola, poden intercambiar cousas, facer videoconferencias cos seus familiares en Arxentina ...

Cómpre daquela motivar á xente...
Temos o exemplo dos móbiles, que son usados por toda a sociedade, non hai que subvencionar a ninguén para que os compre. En Brión, as familias teñen de media máis de tres móbiles. Iso representa facturas moi importantes todos os meses, pero non hai problema económico. O problema de acceso solucionouse porque as compañías facilitaron as infraestruturas, porque cando hai negocio si ofrecen o servizo.

Que deberían facer as administracións para promover esa alfabetización?
Os tecnólogos e as empresas de telecomunicacións reivindican cartos públicos para sufragar as súas infraestruturas que acheguen a banda larga o rural. O que pasa é que isto non é dabondo. Por si soa, a tecnoloxía non atrae a atención dos galegos, nin no rural nin no urbano. Hai que ter en conta un dato, hoxe preto do 90% da poboación de Galiza debe ter acceso a banda larga. E sen embargo, non lles interesa. Non é tanto cuestión tecnolóxica, como de facer chegar a poboación unha mensaxe positivo da utilidade que ten internet, a banda larga e a sociedade da información para a súa vida cotiá.

Iso é un pouco a receita que aplica InfoBrion...
InfoBrion é un portal multimedia que se pon en valor toda a cultura popular e recupera a memoria histórica. Hai cousas moi interesantes como dixitalizar as experiencias dos emprendedores do medio rural e o achegárllelas aos centros de ensino para mostrarllo aos rapaces. Trátase de dignificar a cultura rural e facelos sentir orgullosos de onde son. O portal ten un impacto moi importante e actualmente está a ser reproducido en 32 concellos de Salamanca.

Daquela, as novas tecnoloxías da información están a agrandar a fenda entre a Galiza urbana e a rural?
A fenda dixital en Galiza é xeneralizada. Se comparamos os datos galegos cos de España ou de Europa, Galiza está a cola. As areas urbanas en Galiza teñen acceso a internet e ADSL pero os datos mostran que os galegos non contratan este servizo porque non lle ven utilidade. A "infomarxinación" é aínda máis preocupante no rural, nas aldeas máis illadas aínda existen dificultades de acceso á banda larga porque as operadores non non perciben que haxa demanda. E logo están os núcleos rurais de maior tamaño no que si hai acceso, en xeral, pero tampouco os cidadáns contrátano porque non lle ven utilidade. Dito isto, o que cómpre é alfabetizar dixitalmente á sociedade, tanto a rural como a urbana.

Acaba de rematar un congreso sobre a alfabetización dixital das zonas rurais de Irlanda, Galicia e Salamanca. Que características teñen en común e cales son as diferencias?
O caso irlandés é un modelo a seguir. Irlanda hai 30 anos era case o país máis pobre da UE, e hoxe é un dos máis ricos . Isto tenos que facer reflexionar sobre como conseguiron deixar ser un espazo periférico na sociedade da información para ser un espazo central. No seu caso investiuse os fondos da Unión Europea e houbo un plano estratéxico para o desenvolvemento da sociedade da información moi importante; polo cal os políticos apostaron. En Galicia iso non pasou, nunca houbo tal plan e as autoridades políticas nunca lle prestaron atención a sociedade da información. Espero que a pronta aplicación do PEGSI por parte do actual do goberno sexa un punto de arranque e evite que perdamos o tren da actual revolución tecnolóxica.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: