"Prescindiron absolutamente de min", queixouse Francisco Cacharro Pardo respecto do PPdeG e en referencia ás anteriores eleccións autonómicas, "e non lles saíu demasiado ben". Ao fío, asegurou que non vai participar de xeito activo na próxima campaña das eleccións municipais, onde o actual vicepresidente do partido, Xosé Manuel Barreiro, aspira a substituílo á fronte da institución provincial. Diante dos micrófonos da Radio Galega, Cacharro advertiulle ao propio Barreiro e ao actual candidato do PP para a alcaldía luguesa, Xaquín García Díez, que teñen o desafío de non ceder máis espazo no fortín provincial que os populares estiveron mantendo en Lugo. "Andan equivocados, pero eles cren nos seus obxectivos", indicou sobre a estratexia da actual dirección do PP galego. Avisoulles ademais de que na súa opinión, se fracasan nos próximos comicios locais, "ao día seguinte deben deixarlles espazo a outros renovadores".