Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O XORNALISTA ESTADOUNIDENSE PECHA AS XORNADAS DE E-IN-MIGRACIÓN E COMUNICACIÓN

Jon Lee Anderson: "A información é o 50% das guerras"

Anderson falará do "reto de informar sobre o mundo en conflito", e a emigración que propician os países en conflito na xeografía internacional. Porá o peche ás Xornadas sobre E-In-Migración e Comunicación organizadas polo Club Internacional de Prensa, na tarde do xoves 14, ás 19:30, na Aula Sociocultural Caixa Galicia. Á mañá tivo unha xuntanza cos medios para compartir a súa experiencia. Nado en California no 57, criouse en Corea do Sur, Colombia, Taiwán, Indonesia, Liberia, Inglaterra e os EUA. Estudou na Universidade de Florida (1975-1977). Dende entón, residíu no Perú, Honduras, El Salvador, Cuba, Washington D.C., Nova York, e Granada. Actualmente vive en Dorset, Inglaterra. É un dos grandes cronistas de "The New Yorker". Comezou en 1979 como reporteiro do semanario peruano "The Lima Times". Ten escrito para o New York Times, The Financial Times, The Guardian, El País, Harper’s e Time. Escribiu os perfís de Fidel Castro, Gabriel García Márquez, Augusto Pinochet, o rei Juan Carlos, Saddam Hussein e Hugo Chávez. Ten cuberto máis dunha ducia de guerras arredor do mundo.

- 15:24 14/12/2006
Tags:

"Eu estiven en Bagdad durante o bombardeo dos Estados Unidos, e as guerras contemporáneas non difiren moito das de sempre: hai mísiles no aire, pero tamén xente degolándose. A guerra non é outra cousa cá guerra, o asasinato colectivo, o exercicio da violencia no que cadaquén impón as súas condicións". Así comezou Jon Lee Anderson, unha persoa que ten visto de todo e escrito de todo, a súa conversa cos medios de comunicació no Club Internacional de Prensa. Coñece ben os conflitos en Oriente Próximo, porque os viviu. Unha masacre na Ruanda dos oitenta pasou por diante dos seus ollos, cando "África aínda non era "sexy" para os medios. Nunca, nada do que eu vin ese días saiu publicado en medio ningún. O xenocidio empezou a ser comercial para os medios despois, e daquela si que, entre o conflito entre hutus e tutsis e a SIDA, fixeron África interesante para os medios". Falou do silencio, da manipulación, do que é público e o que non. "A xente exclúe a información que non lle é práctica, e o que lles pase a uns señores que viven no deserto e visten diferente a nós non nos incumbe..."

Vivir a guerra para contala
Anderson estivo en América Central, O Salvador, Nicaragua, en África, en Bagdad... E mantén tres premisas para ser quen de informar nunha situación de conflito: "o primeiro, manterte con vida; despois, saberes o que está pasando, que é o máis difícil; e terceiro, deixar atrás a túa bagaxe cultural, os teus prexuízos, e ser quen de aprender de novo. Se non, nunca terás os pés na terra. Acontece con moitos xornalistas que falan a través do seu propio filtro, e van ás zonas como turistas, e informan do seu exoticismo".

Salienta que as cousas cambiaron dende a Guerra do Golfo, a primeira guerra"virtual", con xornalistas "enquistados". Pero iso non cambiou o traballo dos xornalistas independentes. El estivo en Iraq, e puido retratar o cambio que se produciu a raíz da invasión nos rostros humanos: "eu fun a unha cidade cunha sociedade de seu, e tiña que convivir con ela". O risco está presente dende o momento en que se é xornalista de guerra."Hai países en que o goberno te quere matar, e a guerrilla abrígate, e outros en que non é así... Todo o mundo quérete matar. Es utilizábel, convérteste nun arma máis do arsenal, e mesmo nun inimigo. A información é o 50% da guerra". De feito, conta como, nunha entrevista con Harith al-Dhari, contoulle que coñecía a parentes seu de antes da invasión de Iraq, e toumouno por espía. "Iso dá unha idea de como se manexa a información nas guerras. Tes que facer esforzos por saír ileso, eticamente falando.



Que acontece cando a información pode pór en perigo a propia vida? Anderson lembra como deu un taller en Colombia sobre xornalismo en zonas en conflito. "O alumnado estaba integrado tanto pola elite de Bogotá, que podían publicar o que querían, como por xornalistas de provincias. "Unhas zonas están baixo o dominio das FARC, e outras baixo dominio paramilitar. Un home con poucos recursos, cunha familia, que non quere ter que marchar do país e quere comunicar a verdade sen padecer as consecuencias... Como facía? Estaba afogado. Eu díxenlle que fixese un diario persoal, propio, con todo o que quería contar e non podía, e que se cadra no futuro poida empregalo". El mesmo, na súa mocidade, traballou para a revista Time en Centroamérica, e chegou a sentirse "un retén" da revista: "enviáballes crónicas que eran automaticamente arquivadas, ola óptica política do editor. Eu falaba con asasinos que me confiaba cousas, e o meu medio non quería publicalas. Entón busquei outra vía: filtrei esa información a organizacións de defensa dos dereitos humanos. Ás veces hai que renunciar ás comodidades para manter os teus ideais".

O reporteiro tamén falou de internet: "as novas tecnoloxías da información favoreceron a democratización da mesma, pero tamén hai moito de irresponsabilidade e de presunción. Hai moitas persoas que se erixen en xuíces e xurado pola blogosfera, e pensan que teñen dereito a xuzgárente dende as súas casas. Adoita instrumentalizarse moitas veces con fins políticos. Eu fun atacado polo "New York Post", por un columnista que foi coronel e contou unha serie de mentiras sobre min de cando estiven en Bagdad, poñéndome como adepto ao rexime de Sadam... E comezou a bulir polos blogs. Así foi como se propagou unha lenda negra creada por un tipo. Noutra situación, estando eu en Beirut, saíron cousas sobre min nun blog xudeu e noutro palestino (O servizo de novas do árabe enfadado, Angry Arabs News Service). xa ves, un señor nos Ánxeles que non se move da súa casa e me critica a mi, que son quen está alá".

A filosofía de Jon Lee baséase na necesidade de implicarse, de vivir e de coñecer os acontecementos para contalos. "Cantos periodistas estarían dispostos a percorrer o deserto, ou a cruzar o Estreito en bote, e chegar a España para poder vela cos ollos cos que chegan os emigrantes? Eu teño un amigo que se fixo carcereiro en Rikers Island (un sistema penitenciario de Nova York), ou que se inseriu nun grupo de emigrantes mexicanos, e mesmo veu en bote dende Haití, como fai moita xente, para poder contalo. Só vivindo as cousas dende dentro podemos entender outras formas de ver a vida que non son a nosa".

Máis sobre Jon Lee Anderson
Algúns dos seus libros son Al Interior de la Liga, unha investigación sobre a Liga Mundial Anticomunista e as súas conexións cos escuadróns da morte latinoamericanos; Zonas de Guerra, testemuñas orais dende cinco conflictos contemporáneos (en coautoría co seu irmán Scott Anderson); Guerrillas, unha exploración do mundo insurxente en El Salvador, Sáhara Occidental, Gaza, Afganistán e Birmania; a biografía Che Guevara: Una Vida Revolucionaria; La tumba del León, crónicas da guerra de Afganistán, e La caída de Bagdad, baseada nas cartas que escribíu dende a sitiada capital iraquí para os lectores de The New Yorker.

Dende hai varios anos, Anderson é Mestre do cadro de profesionais permanente da Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano, fundado por Gabriel García Márquez, con sé en Cartagena de Indias, Colombia.


0/5 (0 votos)