Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UN GALEGO OPTA AO PREMIO GOUMARD DE LITERATURA GASTRONÓMICA

Máis premios literarios para as ortigas... Que tamén se comen

Primeiro foron Poemas nas ortigas, o poemario co que Xiana Arias gañou o Pérez Pallaré de poesía. Agora descubriremos as posibilidades gastronómicas desta planta urticácea en 45 Recetas con ortigas, do chef ourensán Martín Álvarez, gañou o premio Goumard 2006 ao mellor monográfico culinario en español. O receitario foi publicado hai tres meses por Alvarellos Editora, e agora ha competir no Concurso Gourmand aos Mellores Libros de Cociña do Mundo, que se fallará en Beijing, China, en abril de 2007, o equivalente aos Óscar dos libros de cociña. A obra resultou premiada na categoría Best Single Subject Book en castelán do 2006, é dicir, o mellor monográfico culinario editado este ano en España, e agora competirá a nivel mundial contra os gañadores na mesma categoría noutras linguas.

- 15:47 13/12/2006
Tags:

Tortillas, sopas, ensaladas... Son infindas as posibilidades de cociñar con ortigas, esta planta que tamén se adoita empregar con fins menciñais. Aínda que nos poña medo o picor, abonda con levarmos luvas para coller os brotes tenros (que son os máis saborosos), e, unha vez cocidas, perderán toda a capacidade urticante. Este receitario é o primeiro que se publica en España e Portugal coas ortigas como argumento gastronómico e con el Alvarellos Editora abriu a súa nova colección "A lume lento". Na primavera, 45 recetas con ortigas publicarase nunha edición especial destinada ao mercado francés.

Estes premios mundiais fundáronse no 95. Neles contémplanse diferentes categorías segundo a temática dos libros e tamén a lingua de edición. O obxectivo dos Gourmand é, segundo os organizadores, "honrar a aqueles que cociñan coa palabra". Na presente edición de 2006 presentáronse máis de 5.000 obras de sesenta países diferentes. O xurado, integrado por un selecto elenco de expertos gastrónomos e profesionais do sector do libro de todo o mundo, destacou en 45 recetas con ortigas o feito de ser unha obra monográfica, moi orixinal e cunha coidada edición.

A especialidade do chef
Martín Álvarez González (Ourense, 1974) é profesor de Cociña do Instituto de Ensinanza Secundaria de Vilamarín (Ourense). Preside a Asociación Cultural As Ortigas –un colectivo que loita por prestixiar as propiedades da pranta Urtica dioica– e é autor de numerosos traballos gastronómicos, entre eles, o volume Estrugas (2006). Comezou a súa carreira profesional no Instituto no que hoxe exerce como docente, e logo diplomouse en Empresas e Actividades Turísticas poa Escola Universitaria Cebem de Vigo. Onda o chef Moisand, no restaurante do hotel Westminster de París, aprendeu varios trucos. 45 recetas con ortigas é unha innovadora proposta que racha cos tópicos e abre a porta a unha chea de posibilidades: revoltos, empanadas, cremas, potaxes, xeados... A ortiga é unha herba até hoxe menosprezada pero que xa era utilizada polos romanos. Posúe importantes propiedades medicinais, é estimulante do aparato dixestivo, combate o reúma, é antianémica, diurética e reconstituínte. Quen se anima a preparar algún prato?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: