A Consellaría de Educación pretende que entre o 56 e o 68% das materias do ensino non universitario se impartan de xeito obrigado na lingua do país. O departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón intenta agora chegar a un consenso coas tres forzas parlamentarias. Mentres que dende o BNG coidan que se podería dar un paso adiante máis, dende o PPdeG avogan por cumprir á baixa o Plano de Normalización de 2004, que estabelecía un 50% de materias en galego como mínimo.
O borrador do decreto de galeguización do ensino non universitario xa está enriba da mesa. Segundo puido saber Vieiros, a proposta de Educación é a seguinte: Primeiro ciclo da Primaria (entre os 6 e os 8 anos) un 68% de materias en galego; segundo ciclo e terceiro ciclo (de 8 a 12 anos), entre o 60 e o 64. No que respecta ao ESO, Bacharelato e ciclos formativos, o mínimo quedaría fixado nun 56%. Para Educación Infantil a proposta é dun 50%, aínda que o principal avance é que se contempla que a aprendizaxe da lectoescrita sexa integramente no noso idioma.
Porén, a consellaría aínda non ten o visto e prace de PP e BNG. Os primeiros pensan que abonda cun 33% para Infantil e un 50% para o resto dos niveis, o que vén sendo o mínimo que contempla o Plan de Normalización Lingüístico aprobado en 2004 polo Parlamento de Galicia. O BNG coida, pola contra, que a obrigatoriedade do galego en Primaria, ESO, bacharelatos e ciclos debe oscilar entre o 65 e o 70%. Hai que lembrar que o decreto en vigor marca que, como mínimo, un 33% das materias da Secundaria teñen que impartirse en galego.
Tal e como xa lles adiantaramos, o bipartito quere que o decreto estea aprobado na vindeira primavera. Para lograr un grande pacto social e político arredor do idioma no ensino a conselleira quere contar co PP. A intención é que os profesores coñezan o contido do plan e que incluso se poidan pór en marcha seminarios de galego entre os docentes. Outro dos grandes retos é lograr suficientes inspectores que garantan o cumprimento do decreto, algo que non ocorre na actualidade.