O martes arrancan en Ferrol unhas xornadas sobre arqueoloxía bíblica, cunha conferencia sobre o proxecto desenvolvido pola Universidade da Coruña en Siria. O ciclo, organizado pola Fundación Caixa Galicia, ten como obxectivo achegar ao público unha análise científica de por que se pasou de crer que a arqueoloxía confirmaba o testemuño bíblico a dubidar por completo do contado no Antigo Testamento. Até o 20 de decembro, expertos na historia bíblica repasarán os últimos e máis polémicos descubrimentos no Oriente Próximo. As xornadas celebraranse ás oito do serán na sede ferrolá da fundación. A primeira conferencia, o martes 12, impartirana Juan Luis Montero, profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades de Ferrol, e Eloy Taboada, fotógrafo profesional. Os dous relatores farán un percorrido polas terras do río Éufrates, e ofrecerán novos datos e imaxes sobre o proxecto arqueolóxico da universidade coruñesa na zona.
Na sesión do mércores, Jordi Vidal falará do redescubrimento do Oriente bíblico e os seus primeiros viaxeiros e pioneiros. O día seguinte, Jaime Vázquez Allegue pronunciará unha conferencia sobre os manuscritos do mar Morto e a súa relación coa Biblia. As xornadas continuarán o martes 19, cun relatorio de Ignacio Márquez Rowe que levará por título "En busca da epopea perdida. Da verdade á deconstrución da Biblia". O ciclo pecharase o mércores 20 coa intervención de Joaquín González Echegaray, que disertará sobre Xerusalén e Xesús.