Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CATALUÑA O PERÍODO É DE NOVENTA ANOS

O réxime legal da vivenda protexida en Galiza dura trinta anos

A ONU cataloga o Estado español como "incapaz" de garantir o dereito á vivenda. Ademais de se encarecer a vivenda libre, a demanda de vivendas de protección oficial non se ve satisfeita, e en moitas das comunidades autónomas comezaron a tomar medidas para restrinxir a revenda. No Plan Galego de Vivenda 2005-2008, regulado polo Decreto 18/2006 do 26 de xaneiro, asenta como criterio de actuación a loita contra a fraude, mediante a creación dun Rexistro Público Único de demandantes de Vivendas de Protección Pública, de xeito que se garanta a transparencia no proceso. As vivendas están catalogadas como protexidas durante trinta anos. Do mesmo xeito, non poden ser transmitidas nin cedidas polos seus usuarios baixo ningunha forma durante 10 anos despois da adquisición. Ademais, a administración autonómica ten dereito de tanteo e retracto sobre futuras concesións

- 13:28 11/12/2006
Tags:

Segundo a lexislación estatal, polo Real Decreto 801/2005 do 1 de xullo, esta cesión só pode efectuarse en tres supostos: subasta e adxudicación da vivenda por execución xudicial do préstamo, cambio de localidade do residente, ou casos como familias numerosas que precisan maior espazo polo incremento do número de membros ou por incapacidade sobrevida, persoas maiores de 65 anos, vítimas da violencia de xénero ou do terrorismo que desexen cambiar de aloxamento, ou persoas que precisen trasladarse a vivendas de dimensións máis pequenas. En calquera caso, requírese a previa cancelación do préstamo. Debe ser presentada unha solicitude perante o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, e demostrar que o próximo adxudicatario reúne as cualidades para optar a unha vivenda de protección pública ou autonómica. E o rexime legal das vivendas durará e calquera caso trinta anos.

Noutras comunidades
Non obstante, son moitas as comunidades que ampliaron este prazo ou endureceron as medidas de control sobre estas vivendas: A Rioxa estendeuno de dez a trinta anos. O Instituto Rioxano de Vivenda ten dereito de tanteo e retracto en calquera transacción, e unha vez que volvan á Administración, os pisos volverán a ser sorteados entre os demandantes rexistrados. Algo semellante aconteceu en Andalucía, que, con todo, acaba de reducir estas restricións: a reforma afectaba a todos os pisos construídos antes de 1978, e agora xa está no 92. E os prezos máximos que pagará a Junta son do 200% sobre o prezo inicial.

O goberno navarro foi o primeiro en sacar unha normativa autonómica, no 2004: faculta tanto ao goberno autonómico como aos concellos para o tanteo e retracto, e exténdeo a todas as compravendas que teñan lugar até trinta anos despois da primeira adxudicación. O goberno vasco, pola súa parte, lanzou unha investigación sobre titulares de vivendas protexidas.

A Generalitat aumentou de vinte a noventa anos a catalogación como vivenda protexida. E o goberno madrileño implantou para si o dereito preferente na adquisición de VPO á venda, e, malia non ampliar o prazo de catalogación, obriga aos notarios a notificar as compravendas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: