Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
INTERNACIONAL Nº 732

O acordo histórico de Nepal

Case sempre as noticias sobre os países pobres e envolvidos en conflitos están cheas de aspectos negativos. Neste caso, logo de intensas negociacións, o primeiro ministro nepalí, Girija Prasad Koirala, e o dirixente dos rebeldes maoístas, Prachanda, acordaron integrar xuntos un Goberno interino ata que se realicen as eleccións, o próximo ano. Este modelo de acordo dialogado debería servir de referente para a solución doutros moitos conflitos que no mundo acontecen.

- 08:16 11/12/2006
Tags:

O reino de Nepal, que foi unha colonia de Inglaterra, ten unha poboación de vinte e cinco millóns de habitantes. A relixión maioritaria é o hinduísmo. Como dato curioso débese coñecer que Buda naceu en Lumbini, Nepal. As riquezas deste país sitúanse no ámbito da industria (alfombras) e os minerais (cobalto, cobre) e a agricultura, que é a base da industria. O índice de expectativa de vida é moi baixo.

Ata o ano 1990, este pequeno estado de Asia era unha monarquía absoluta, baixo o control exclusivo do Rei de Nepal. Nese ano, o rei Birendra iniciou un proceso de longas reformas políticas establecendo un sistema de monarquía parlamentaria, onde o cargo de xefe de Estado era exercido polo rei, mentres que o xefe de goberno era o primeiro ministro. A guerrilla maoísta nos últimos tempos chegou a controlar o 87% do territorio.

En maio deste ano 2006, foron retirados os cargos de terrorismo contra os membros do Partido Comunista de Nepal (maoísta), e pasouse á Interpol a petición de anulación das ordes de arresto internacional contra os membros dese partido.

O acordo de paz

De acordo co pactado, este ano verá a luz un novo Parlamento que integrará ao partido comunista dos rebeldes maoístas, quen durante unha década foron parte de intermitentes enfrontamentos co poder coa intención de instaurar unha república.

O pasado mes de abril, o levantamento popular conseguiu retirar o rei Gyanendra do poder absoluto que se adxudicou, recuperando así a vía democrática. Trala restauración do Parlamento, a alianza de partidos da oposición conformaron un Goberno interino e iniciaron negociacións coa guerrilla, que ao tempo declarara unha tregua.

As negociacións tiveron altibaixos pero recentemente alcanzouse o acordo: os rebeldes integrarán o Parlamento ocupando 73 dos 330 escanos; ademais, aceptaron desarmarse coa supervisión das Nacións Unidas.

Precisamente, o que daquela era secretario xeral da organización, Kofi Annan, celebrou este acordo e instou aos nepalís a manter o ímpeto desta negociación para obter unha paz duradeira. Durante un ano de enfrontamentos, ao redor de 12.000 persoas morreron e aproximadamente 100.000 tiveron que abandonar os seus fogares por esta causa. Este acordo pecha un decenio de violencia.

Con iso Nepal dá unha lección ao mundo e espérase que camiñe pola senda democrática, diminúan as diferenzas entre os ricos e os pobres e os cidadáns poidan levar unha vida máis digna e xusta, no contexto dunha cultura de paz duradeira.


0/5 (0 votos)