Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UNHA BITÁCORA DENUNCIA OS PROBLEMAS LABORAIS DO HOSPITAL

Os sanitarios de Cee aproveitan a rede para "poñerse a pingar"

O persoal do hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, xa conta cun espazo de expresión na blogosfera. A bitácora, http://persoalhvx.blogspot.com/, leva na rede dende o 6 de outubro, e xa se converteu nun punto de encontro en que os traballadores do complexo fan públicos todos os problemas que atopan na actividade diaria e asemade se informan do que acontece nas xuntanzas do comité de empresa. O autor do blog, alcumado Xunco, amósase moi crítico coa dirección e cos médicos, e ofrécese como mediador para as persoas que desexen colaborar a través do correo electrónico. No aspecto gráfico, o blog inclúe caricaturas e fotomontaxes humorísticas nas que aparecen algúns personaxes do centro.

- 13:21 05/12/2006
Tags:

Todas as entradas están abertas aos comentarios do resto da comunidade hospitalaria, e empézanse a converter en foros anónimos onde algúns aproveitan para se enfrontaren a membros doutras categorías laborais, nomeadamente médicos con enfermeiros. E isto acontece malia que Xunco advirte na estrea da páxina: "Isto é un blog para todos aqueles traballadores do HVX que lles apeteza compartir opinións, queixas e denuncias. Non se trata dun foro nin un chat". A nivel lingüístico, resulta curioso que, aínda que as entradas estean escritas en galego, a inmensa maioría dos comentarios sexan en castelán. A última actualización do blog foi o pasado venres, e nela animábase os internautas a denunciar casos de persoal da empresa que chega tarde ao traballo coa escusa do mal tempo.


5/5 (1 votos)