Se ao longo do mes de novembro estivemos viaxando pola filmografía oriental, c'Os canallas dormen en paz, de Akira Kurosawa, e a estrea en Galiza de Ao Oeste dos Camiños de Ferro, de Wang Bing, agora que comezamos decembro, o Cineclube de Compostela lévanos ao afastado Oeste cun filme interpretado por Henry Fonda e dirixido por William Wellman. Incidente en Ox Bow afonda nas raíces do odio e a violencia na "lei da fronteira", na "xustiza" propia do western, dada a volta e mirada dende a ética, como xa fixera Fritz Lang en Furia. A cita, no local da Gentalha do Pichel o martes 5 ás dez da noite.
O linchamento de inocentes é o xermolo dun filme que trata temas tan enraizados na tradición do western como o racismo, o medo e o propio sadismo. É unha das xoias do xénero, ao recorrer a un tema e unah estética pouco orixinais (un linchamento con formato western) para tratar con fondura cuestións relacionadas coa ética, a psicoloxía e a xustiza. Unha América non tan afastada na que o encirramento da sociedade está por riba da moral, os odios son apaixoados ea razón non existe. Fonda aborda aquí un papel diferente ao de Twelve angry man (ambientada nunha época máis contemporánea, pero na que, do mesmo xeito, o linchamento colectivo dunha persoa e as implicacións que ten constrúen o fío argumental). Aquí interpreta a un antiheroe violento. Todos os personaxes (intepretados por Anthony Quinn, Dana Andrew, Jane Darwell, Harry Morgan) teñen un tratamento psicolóxico moi coidado. Unha obra de arte que poderemos ver na noite do martes 5 ás dez, no local da Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, número 21).