Circula pola Rede unha carta de Fito e Damián, que contan que por fin conseguiron apostatar. Dende ela animan a todas as persoas que non sintan a relixión católica como propia que o fagan, e afirman que na diócese de Santiago non é difícil facer o trámite. Nestas festas que chegan dentro dunhas semanas, nas que se celebra con todo tipo de luxos o nacemento do representante da relixión católica, se cadra moitos e moitas atopan un bo momento para reflexionar se continuar profesando a fe católica ou non. O proceso é a única vía para que unha persoa bautizada deixe de ser católica e de constar como tal. Para levalo adiante, abonda con cumprimentar unha declaración de apostasía e entregala xunto cunha fotocopia do DI na nosa diócese. En www.apostasia.es coñeceremos os pasos que cómpre seguir.
Esta é a carta que circula pola rede. "Ola, amigos. Por fin Damián e máis eu comezamos os trámites para darnos de baixa na Igrexa Católica. Penso que todos aqueles que non sintades esta relixión ou non esteades de acordo con ela, deberiades apostatar. Na diócese de Santiago facilítanche bastante o tema. Debe de ser polas sentenzas en contra que tiveron. Só tendes que entregar un formulario que atoparedes en www.apostasia.es, e que vos selen unha copia (pódese facer por correo certificado).En dous meses daránvos de baixa, que consiste en facer unha anotación na marxe do libro de bautismo. Nós tamén lle entregamos unha copia aos párrocos para que lles constase. Os amigos que sodes cristrianos (que os teño) non vos sintades acosados. O único que tento, e vós deberiades facer o mesmo, é que nas listas da Igrexa católica estean os que de verdade se sintan e actúen como cristiáns. Bicos, e animádevos que é pouco esforzo".