O mes de decembro vén cargado de novidades cinematográficas: o CGAI presenta varios ciclos para despedir o ano ben diferentes. Por unha parte, 'Ventos do Leste' tráenos os novos cinemas dos países socialistas europeos entre o 55 e o 75. Pola outra, veremos a segunda parte d'A xeración da violencia USA'. Ademais coñeceremos de preto a obra de Bruno Dumont, e aínda teremos algunha sorpresa no ciclo 'Fóra de serie'. O mes xa comezou potente, coa homenaxe a Llorenç Soler e a continuación do ciclo de cinema portugués, pero decembro aínda acaba de comezar...
'Fóra de serie' aglutina mostras do Festival de Cinema de Gijón, como Juventude em marcha (luns 11 ás oito), ou a continuación do ciclo de cinema portugués enmarcado na IV Mostra Portuguesa: O espelho mágico, de Manoel de Oliveira que poderemos ver o mércores 13 ás oito e media, e A costa dos murmúrios, un cru retrato do Mozambique colonizado elaborado por Margarita Cardoso, que será proxectado o sábado 16 ás seis.
Ademais, ao longo deste mes renderáselle homenaxe ao cineasta Bruno Dumont, coa proxección de catro dos seus filmes: La vie de Jesus, unha historia de rapaces desposuídos merecedora da Cámara de Ouro de Cannes (sábado 9), a dura L'humanité (venres 22), 29 palms, tamén nos límites da depravación e do máis baixo da condición humana (martes 12), e Flandres, Gran Premio do Xurado en Cannes este mesmo ano (luns 4), unha historia de amor no contexto das guerras contemporáneas. Todos estes filmes serán proxectados ás oito e media.
Violencia nos EUA, búsqueda na antiga URSS
Mais os pratos fortes do cinema son, sen dúbida, o remate do ciclo sobre a xeración de violencia nos Estados Unidos de América e o cinema dos países comunistas durante os tempos da bipolaridade. As dúas faces do mundo daquela. No marco do primeiro, veremos O home de Laramie de Anthony Mann (1950), unha historia de indios e vaqueiros pero con certa complexidade psicolóxica, interpretada por James Stewart. Será o xoves 7 ás oito e media. Tamén On dangerous ground, de Nicholas Ray (1955), na que Robert Ryan intepreta a un policía violento, o xoves 21 á mesma hora, e The narrow margin (1951), outro filme de gángsters da man de Richard Fleischer (o venres 22 ás seis).
En canto ao cinema do Leste, daquela comezaba a emerxer Polanski: a espectacular Coitelo na auga será proxectada o venres 15 ás oito e media. Este thriller psicolóxico sobre as contradicións do ser humano e as súas relacións foi o último de Polanski antes de se exiliar a Francia. Este impresionante filme foi candidato ao Óscar e premiado en Venecia. Tamén veremos Os amores dunha loira, de Milos Forman, unha historia de amor ambientada na Checoslovaquia escura que anticipaba a Primavera de Praga (1968), como peche do ciclo, o sábado 23 ás oito e media. O mesmo director realizou Ao lume, bombeiros!, unah sátira social que poderemos ver o sábado 14 ás oito e media. O filme que non puido rematar Sergeï Parajadnov por ser acusado de homosexual e preso, o poético A cor da granada, proxectarase o venres 15 ás seis. Ademais, unha fábula ambientada no mundo agrario ruso, O primeiro mestre, de Andrei Mikhalkov-Konchalovski, o sábado 23 ás seis; Érase un merlo cantor, de Otar Iosseliani, o mércores 20 ás oito e media; As margaridas,de Vera Chytilová, unha historia de duas mulleres nun mundo masculino (martes 19 ás oito e media); a convulsa Hungría dos 40 n'Os desesperados, de Miklós Jancsó (luns 18 ás oito e media); Salmo vermello, do mesmo director, retrata Hungría nos últimos días do século XIX, e valeulle o premio á mellor Dirección en Cannes (poderemos vela o martes 5 ás 20:30); o primeiro filme de Ivan Passer, Iluminación íntima (sábado 16 ás oito e media); e Pai, do húngaro Itsván Szabó, que mestura o recurso da infancia cos mitos políticos (sábado 9 ás seis).