Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CON CARLOS PEDREIRA, DIRECTOR DA ÁREA TIC DA CIDADE DA CULTURA

"Levamos un ano de atraso no plan do ministerio de levar a banda larga ao rural"

Carlos Pedreira é un dos maiores coñecedores das telecomunicacións en Galiza. O director de Tecnoloxías da Información (TIC) da Fundación Cidade da Cultura aposta por superar a panacea das subvención e apoiar ás empresas tecnolóxicas do país mediante contratos. Así Galiza podería desenvolver unha tecnoloxía propia, exportábel a lugares con problemas semellantes. Non se trata dun soño inalcanzábel, pois emprendedores como Igalia, Imaxin e Lambastream xa aplican esta fórmula. "Triunfa localmente e vende en todo o mundo" é a receita do éxito empresarial para este enxeñeiro de telecomunicacións.

- 17:32 27/11/2006
Tags:

Un dos maiores desafíos das telecomunicacións en Galiza é a extensión da banda larga ao rural. "O camiño é despregar rapidamente e dunha vez o Wimax, porque xa levamos un ano de demora no despregamento segundo o plano do Ministerio, e continuar achegando o cable ás poboacións" reclama Pedreira nunha entrevista co portal Sociedadedainformacion.eu.

Vostede foi un dos expertos consultados para o Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI). Na súa opinión, que necesitan ás empresas de telecomunicacións galegas da administración para asegurar o seu futuro?

Eu, sobre este asunto, penso de xeito diferente que moitos industriais. As empresas necesitan contratos, e que os que compran, neste caso a administración, teñan confianza nas empresas do país. Para un empresario é moito máis aproveitable un contrato, que lle obriga a ter un produto de calidade, que unha subvención. Unha subvención é algo temporal que non permite consolidar unha compañía. Hai que ter confianza nas empresas do país. Hai algúns casos históricos nos que se fixo así. Por exemplo, no despregamento da rede de televisión analóxica. Iso foi un exemplo que despois se copiou noutras partes do estado e de Europa. O que deberíamos facer é tratar de espallar a fórmula da televisión a outras tecnoloxías, como o despregamento da banda ancha sen fíos.

Falando da extensión da banda ancha, é realmente o Wimax a solución definitiva para achegar a rede ao rural?

A mellor opción é a fibra óptica. Despois están as solucións vía radio, que están evolucionando de seguido. Primeiro estaba o LMDS, pero era pechado e caro. Agora está o WIMAX que é un estándar aberto, pero realmente é unha solución a curto prazo, non é a tecnoloxía definitiva. O que parece que non é apropiado son as tecnoloxías de satélite, que estaban previstas para algunhas zonas illadas . O camiño é despregar rapidamente e dunha vez o Wimax, porque xa levamos un ano de demora no despregamento segundo o plano do Ministerio, e continuar achegando o cable ás poboacións, de xeito que o final teñamos moitos bucles de abonado en fibra de fibra óptica e poucos de radio, que serán da tecnoloxía que estea vixente nese intre.

Un dos problemas fundamentais que sinala o documento de achegas dos expertos do PEGSI, no que vostede colaborou, é a fuga de cerebros. Ata que punto é grave e que medidas se poden tomar?

Esta é unha das principais lacras do país, que marche xente con boa formación técnica é probablemente a maior sangría que pode sufrir Galicia. Nós temos moi bos profesionais e un nivel de salarios competitivo e sen embargo non retemos a unha parte importante dos titulados no sector das TIC. Pero creo que a cantidade de xente que marcha fóra agora é menor, porque o mercado español das telecomunicacións enfriou.

Que necesita Galiza para ser quen de facer retornar a estes profesionais?

É complicado. Habería primeiro que crear un clima industrial que permita o retorno. Hai que empezar a mover o capital. A miña experiencia dime que todo o que queiramos facer, podémolo conseguir porque o capital humano é especialmente importante neste sector.

Non é un soño que poidamos desenvolver unha industria TIC propia?

Non, eu estou vendo que hai iniciativas novas interesantes. Por exemplo, Igalia, unha cooperativa de enxeñeiros que traballan fundamentalmente con software libre e que exportan o 20% da súa facturación. Imaxin e Lambdastream, que foron premiadas na recente Gala das Telecomunicacións, son outras empresas novas que saben desenvolver produtos que se venden fóra.

Outra das barreiras identificadas polo PEGSI é que as empresas galegas TIC teñen dificultades para vender fóra. É realista pensar que unha empresa galega poida competir a nivel internacional?

Si, por suposto. Televés é unha empresa galega que está a competir con éxito internacionalmente. A nivel de produtos TIC non hai case nada que sexa imposible. É moi importante saber que os problemas que nós temos na casa -por exemplo a extensión da banda ancha, o bilingüismo, etc.- son circunstancias que se repiten en moitísimos sitios. Daquela, se nós conseguimos desenvolver solucións para os nosos problemas, podemos vender eses produtos noutros lugares. Eu sempre digo 'triunfa localmente e vende mundialmente'.

Que papel pode xogar a Cidade da Cultura como elemento estruturador da Sociedade da Información en Galiza?

A Cidade vai por en valor o patrimonio artístico e cultural galego e precisamente o PEGSI ten un capítulo centrado nisto. Ademais, a idea é que a Cidade sirva de escaparate para que a produción cultural galega sexa accesible dende calquera punto do mundo. O papel da Cidade pode ser importante na xeración de contidos en galego.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: