O venres pasado contabámoslles do prego de prescricións técnicas para o concurso de adquisición de computadores persoais para a Consellería do Medio Rural, onde se solicitaba que os equipos incluísen Windows XP "en castelán". Este luns, desde a consellaría informan de que a redacción foi un erro e aseguran que o concurso será modificado, esixindo que os computadores traian instalada a chavella que converte ao galego o sistema operativo, do que por certo non hai noticia de que se vaia apostar por alternativa de código aberto. Alén diso, os equipos deberán incorporar tamén o paquete ofimático do Open Office, na súa tradución galega.