O ciclista redondelán Marcos Serrano asinou este venres contrato co Karpin Galicia por dúas tempadas. Na presentación do corredor, Valery Karpin, presidente da Fundación Ciclismo Galego, amosou a súa ledicia por contratar o "corredor galego máis importante dos últimos tempos". Pola súa parte, Serrano agradeceu a confianza posta nel logo do "enredo" no que se converteu a súa fichaxe e mostrouse confiado en poder convocar os medios en pouco tempo para celebrar os primeiros triunfos deportivos do equipo.
Marcos Serrano (Redondela, 1972) é desde a mañá do venres a gran referencia do Karpin Galicia. Tal e como recoñeceu o propio corredor, chega ao equipo coa intención de liderar o proxecto galego e axudar a conseguir os primeiros éxitos da súa andaina.
Esta será a súa décimo quinta tempada como profesional, categoría na que debutou no 93 co Kelme. Desde o 1999 até o 2003 foi corredor da ONCE para logo fichar polo Liberty Seguros/Astana-Würth. No seu palmarés destaca a súa vitoria na décimo oitava tirada do Tour do 2005, e os triunfos na Milán-Turín(2004), Volta a Castela e León (2001) e na Volta a Galicia do 1999.
O director xeral para o Deporte e membro da Fundación Ciclismo Galego, Santiago Domínguez, acudiu á presentación do corredor e sinalou que Marcos Serrano "é o mellor ciclista que poderíamos ter no equipo". Domínguez destacou a implicación do deportista nun proxecto no que "turrou" forte e amosou a súa satisfacción por contar cun "gran corredor como abandeirado do equipo".
Pola súa parte, Valery Karpin adiantou os dous nomes que faltan para pechar de momento o equipo. "Xa temos a catorce corredores presentados ante a UCI. Eduard Vorganov xa está firmado. Hoxe asinamos con Marcos e están as negociacións moi avanzadas con Eladio Jiménez. Queda unha praza libre, e Álvaro decidirá cando e con quen a pechamos". O presidente da Fundación Ciclismo Galego sinalou xaneiro como data de comezo da actividade do equipo e a Volta a Mallorca en febreiro como primeira cita coa competición.