Como evitar a caza de 945 baleas na Antártica? Greenpeace anda á procura dunha acción creativa e directa para lanzar a campaña no Xapón, que prepara unha expedición. Neste país, a maioría da poboación é contraria á caza de baleas (o 77%, de feito), o 61% nunca comeu carne de balea dende a infancia, e só o 1% dos xaponeses cómea máis dunha vez ao mes. Mentres, máis de 4.800 toneladas de carne de balea fican conxeladas en stock. Para evitar máis capturas innecesarias, Greenpeace lanza un concurso de ideas.
Unha idea, algunhas imaxes, mesmo vídeos... Greenpeace quere dar pulo á máis creativa expedición endexamais feita. Para participar, pide un nome, unha pequena descrición e algunhas fotografías, e vídeo, de ser posíbel. Xa podemos atopar tres baleas manifestándose con pancartas que rezan "Eat more rice!" (Comede máis arroz!), ou un deseño para camisetas cunhas "baleas ninja", ou a suxestión de cubrir o "Esperanza" con debuxos de todas as persoas que queiran envialos.
As ideas están na rede e poden ser votadas e comentadas, ademais de achegarmos a nosa propia. O premio? Zarpar no Esperanza en decembro e traballar coa tripulación na expedición 07. A meta? Obteren a maioría de votos na Comisión Internacional da Caza de Baleas, en Alaska, en maio do 2007, e demostraren que a maioría dos países traballa pola recuperación e conservación das especies de balea.