O ciclista redondelán Enrique Salgueiro acadou este mércores un acordo co Karpin Galicia para formar parte do equipo profesional galego na próxima tempada. O corredor galego competiu nas últimas dúas tempadas no Spiuk-Extremadura, onde conseguiu a vitoria xeral na Volta a León e na Volta aos Pirineos. Coa fichaxe de Salgueiro, e logo da renuncia de David Blanco, o equipo galego conta xa con once ciclistas en nómina, á espera de pechar a fichaxe de Marcos Serrano. O salmantino Eladio Jiménez tamén está na axenda do equipo e é probábel que nos próximos días se anuncie a súa contratación.