Preservar os valores paisaxísticos e a riqueza natural da costa galega, mentres non se completa a adaptación do planeamento urbanístico ás novas leis, é o obxectivo das normas urxentes presentadas este martes pola Consellería de Política Territorial. A conselleira María Xosé Caride explicou que os municipios que non se adaptaron aínda á lexislación vixente, todos agás oito do interior do país, deberán deter as novas edificacións que estean no espazo de 500 metros desde a ribeira do mar.
A Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral de Galicia chegará así brevemente ao Parlamento para corrixir algúns dos problemas máis urxentes que foron detectados. A Xunta agarda que se poida aplicar xa no segundo trimestre de 2007.
Como iniciativa máis destacada aparece esta suspensión inmediata de todas as actuacións urbanísticas sobre o espazo litoral máis próximo ao mar. A nova lei vaille afectar a todos os terreos de solo urbanizábel, apto para urbanizar ou rústico que fosen declarados aptos para desenvolvemento urbanístico. Nos concellos de menos de 50 mil habitantes, a suspensión aféctalle tamén aos predios cualificados como solo urbano que non fosen declarados solo urbano consolidado.
A maioría de planeamentos analizados pola consellaría coinciden en déficits fundamentais: insuficiente cualificación de solo para zonas verdes, espazos libres e equipamentos públicos; carencia de reservas de solo para vivendas de protección pública; proliferación de edificacións sen a previa urbanización dos terreos, cualificación de solo urbano para áreas completamente alleas á rede urbana real dos concellos.... Caride laiouse de que a maioría de gobernos locais non pensaron nas necesidades para "os estándares mínimos de calidade de vida" que estabelecen as leis vixentes.
Medidas urxentes para a prevención contra os lumes
O proxecto de lei repara tamén nas edificacións situadas a menos de 400 metros de terreos forestais, urbanizacións para as que estabelece a esixencia dun espazo de 25 metros arredor do perímetro. Ademais, váiselle obrigar aos propietarios a manter esa zona libre de vexetación seca e coa masa arbórea rareada. As comunidades de propietarios tamén terán a obriga de limpar as leiras non edificadas. Aos concellos esíxeselles limpar os camiños de titularidade municipal.