Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLO CAOS E DESORDE NA CONSTRUCIÓN

Suspenderán o urbanismo do concello lugués de Barreiros

Situado na Mariña oriental da costa luguesa, entre Ribadeo e Foz, o concello de Barreiros destaca no verán como enclave de crecente interese para os turistas, que nos meses de xuño a agosto triplican a poboación do lugar, de apenas tres mil veciños. Isto converteu a zona en peza cobizada polos promotores inmobiliarios. No que vai de ano o Colexio de Arquitectos xestionou proxectos para máis de seis mil vivendas, e arredor da mesma cantidade sitúase o número de licenzas concedidas polo goberno local. Por este motivo, a Consellería de Política Territorial iniciou os trámites para a suspensión das normas urbanísticas municipais, subliñando o crecemento "insubstentábel e descontrolado".

- 09:53 17/11/2006
Tags:

Desde a Xunta argumentan que a elevada presión urbanística sobre o contorno costeiro do concello de Barreiros, está causando que centos de novas construcións se edifiquen en lugares que non teñen garantidos os servizos básicos de auga ou electricidade, ou mesmo sen accesos. Advírtenlle desde Política Territorial ao goberno municipal que o urbanismo de Barreiros non está adaptado aos requirimentos da Lei do Solo. Por outro lado, Barreiros non é o único Concello da Mariña en que a administración galega mira con detalle os movementos urbanísticos, e podería haber actuacións noutros concellos en datas próximas.

En declaracións para a Radio Galega este venres, Antón Veiga, concelleiro do BNG en Barreiros, queixouse de que desde o mes de marzo o alcalde non entrega copias das actas das xuntas de goberno, insistiu en que "a xestión urbanística está baixo sospeita" e laiouse de que os informes técnicos os faga unha arquitecta que non é funcionaria, "o que non garante a independencia do criterio aplicado". O PP goberna por ampla maioría, 7 asentos, por tres para o BNG e 1 para o PSdeG.


5/5 (1 votos)