Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
REDE NATURA 2000, ¿ESPAZOS PROTEXIDOS?

ADEGA esixe a paralización dunha canteira no LIC Serra do Xistral

Através dun escrito entregado hoxe, ADEGA ven de solicitar da Consellería de Medio Ambiente a paralización inmediata da canteira "Os Agros", na parroquia de Labrada, concello de Abadín (Lugo). Esta canteira iniciou a súa actividade o pasado verán, e está situada dentro da Rede Natura 2000 (LIC Serra do Xistral) afectando gravemente non só aos valores paisaxísticos da zona senón tamén a importantes hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE, algúns deles prioritarios.

- 10:34 16/11/2006
Tags:

Nun espazo natural de tanto interese ecolóxico como a Serra do Xistral, pola singularidade e especificidade dos seus hábitats como as maltreitas turbeiras de cobertor, non pode estar xustificado que poida levarse a cabo esta actividade, cando ademáis estes hábitats teñen sido gravemente afectados pola instalación masiva de parques eólicos.

No escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e máis a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ademáis destes impactos ecolóxicos, ADEGA denuncia que tal actividade supón a destrucción dun importante domo de origen granítico que engloba diversos hábitats del Anexo I de la DC 92/43/CE:

-8220 Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica.
-8230 Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo lbi-Veronicion dillenii.
-7159 Depresións sobre sustratos turbosos do Rhinchosporion.

As actuacións extractivas están ademáis afectando á naturalidade e á diversidade dos hábitats de mato e turbeira que circundan á formación granítica, e en concreto aos seguintes hábitats prioritarios:

-7110* Turbeiras altas activas, e
-4020* Uceiras húmidas de Erica mackaiana.

A maiores destes impactos hai que engadir que a avaliación ambiental é de 1.997 e non debera valer para unha explotación que se inicia no verán do 2006, sobre todo cando os valores naturais, ecolóxicos e ambientais que hoxe se lle recoñecen á Serra do Xistral son moi superiores aos que tiña recoñecido en 1.996. Atendendo ás normas subsisdiarias de 1.991 a avaliación tiña que ter sido xa entón, -por afectar a un espazo protexido nestas normas-, de impacto ambiental (moito máis estrita) e non de efectos ambientais.

Ademáis, a actividade non conta con licenza municipal nen tampouco coa previa autorización da Dirección Xeral de Urbanismo esixida pola Lei 9/2002, por ubicarse tal actividade sobre solo rústico de especial protección de espazos naturais. Neste senso ADEGA lembra que, dacordo coa citada Lei, en solo rústico de especial protección de espazos naturais non pode autorizarse actividade mineira algunha, senón a través da tramitación e aprobación dalgún dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio.

Consentir a continuación desta actividade extractiva, sen contar coas preceptivas autorizacións e dentro dun espazo da Rede NaTura, aparte dunha manifesta ilegalidade, implica reducir á nulidade toda a lexislación de protección de espazos naturais e, por riba, un gravísimo agravio comparativo en relación ás limitacións de uso que, sen embargo, se lle aplican aos veciños e propietarios do monte.

De ningunha maneira pode estar xustificado consentir a continuación dunha actividade que supón a destrucción completa dos hábitats afectados e do meio natural, e sen embargo prohibir e perseguir, por exemplo, a transformación de matogueiras e zonas de turbeira en pastizais ou plantacións forestais.

Dende ADEGA quérese lembrar que a lexislación de protección de espazos naturais está para ser aplicada e por igual a todos os cidadáns. Esta actividade mineira representa outro exemplo máis das moitas agresións que teñen sufrido e están aínda a sufrir os espazos naturais de Galiza, -incluídos os máis valiosos-, polo que agardamos que esta administración non tarde moito máis tempo en correxir.
Lembramos tamén que é urxente a redacción con criterios rigurosos dos Planos de Ordenacións de Recursos Naturais dos espazos da Rede Natura, a fin de que pronto se poidan levar a cabo os necesarios traballos de restauración e conservación de todos estes espazos naturais. Estes planos deben contar tamén co criterio da povoación afectada para que poida percibir as compensacións económicas e beneficios sociais que merece pola súa conservación e recuperación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: