"O dispositivo necesita máis profesionalización, e non simplemente vencellada aos propios labores de extinción de incendios senón tamén a actividades relacionadas coa atención ao monte nun sentido máis amplo e durante todo o ano". Explicouno así este venres o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, na intervención que pechou o ciclo de comparecencias diante da comisión parlamentaria de estudo das causas e consecuencias dos incendios forestais. De paso, confirmou que a "Lei de prevención e de extinción de incendios forestais" iniciará os trámites parlamentarios este mes de decembro.
O conselleiro lembrou que os cambios fundamentais introducidos polo executivo actual do dispositivo de loita contra o lume conservaron a súa estrutura fundamental e tiveron que ver co avance cara a esa profesionalización do servizo. Suárez Canal insistiu en que "a columna vertebral" do dispositivo establecido pola administración anterior foi conservado, ofrecéndoselle a continuidade a todos os técnicos.
Respecto á rifa cos alcaldes, lembrou que o convenio marco para o despregue das brigadas municipais nos montes foi case similar a anos anteriores e os cambios introducidos foron dous: por un lado a esixencia da súa convocatoria pública, para evitar o clientelismo nas contratación denunciado en anos anteriores, e por outra parte o establecemento dunha formación unitaria para todos os seus integrantes, como primeiro chanzo para elevar a eficacia e a profesionalidade na actuación destes equipos.
"Todo isto mellora a resposta, non a empeora", subliñou Suárez Canal. O conselleiro destacou a "excepcionalidade" do acontecido nos primeiros quince días de agosto e afirmou que "o dispositivo non estaba preparado para unha situación similar". "Non hai ningunha decisión tomada desde a consellaría, por acción ou por omisión, que implique un impacto negativo na vaga de lumes de agosto", defendeu.
Despregue de medios "áxil e efectivo"
A superficie media queimada deica o mes de agosto entre os anos 1995 e 2005 foi de 13.874 hectáreas. Do mesmo xeito, a media que ardeu eses anos entre o 16 de agosto e o 30 de setembro, foi de 13.644 hectáreas. Nos mesmos períodos de 2006 arderon 10.445 e 4.544 hectáreas, respectivamente tres e nove mil menos que a media dos anos anteriores. Aproveitou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para defender que á vista desas cifras "o dispositivo de extinción respondeu de xeito razoábel e incluso mellor cando as circunstancias foron as habituais, pero evidentemente non estaba deseñado para unha situación na que houbo que defender máis de cinco mil núcleos de poboación directamente ameazados polo lume".