Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS PUNTOS POR RIBA DA MEDIA ESTATAL

O paro subiu un 3,2% no mes de outubro

O Ministerio de Traballo publicou este venres os datos do paro do pasado mes de outubro. En Galiza os demandantes de emprego aumentaron nun 3,2 % respecto a setembro, case dous puntos máis que no resto do Estado. Aínda así, en relación co mesmo mes de 2005 a taxa reduciuse un 7,77%, só superada por Aragón e Cantabria. Por provincias, Lugo rexistra a maior subida galega con case cinco puntos máis mentres que a taxa na Coruña non chega ao 2,3%. Ourense e Pontevedra rexistran un aumento do 3,9 e 3,6% respectivamente.

- 11:49 03/11/2006
Tags:

As oficinas do Inem galegas rexistraron 4.700 novas altas neste mes de outubro de 2006, o que fai que a cifra total de demandantes de emprego chegue ata os 151.534. Deste xeito, Galiza sitúase como a cuarta comunidade onde máis medrou o paro en outubro. Malia isto, os datos interanuais reflicten unha baixada do desemprego de 12.765 persoas respecto ao mesmo mes do ano anterior, case oito puntos menos, a terceira mellor marca estatal.

A análise sectorial sinala o sector servizos como principal responsábel do crecemento con case 3.000 rexistros dos 4.700 totais. Por sexos, o paro feminino case duplica o masculino sobre todo a partir dos vinte e cinco anos.

UXT celebra o aumento dos contratos indefinidos
Os datos do paro publicados este venres tamén reflicten un aumento do número de contratos indefinidos. En concreto, 10.183 dos 81.046 novos totais. A Comisión Executiva de UXT-Galiza ve neste aumento as consecuencias da posta en marcha do Acordo para a mellora do crecemento e o emprego o pasado mes de xullo.

Malia os bos resultados, desde o sindicato insístese en que esta é unha tendencia que "hai que manter no tempo" e lembran que é necesario que "todas as partes implicadas, Goberno, sindicatos e empresarios, continúen traballando neste senso.


0/5 (0 votos)