O goberno local coruñés parece mudar de postura. Por primeira vez en moitos anos, aparece o topónimo 'A Coruña' en documentos oficiais redactados en castelán. A última resolución do Tribunal Supremo, que confirmaba por enésima vez que a única forma válida era a galega, parece estar causando efecto no alcalde Xavier Losada. Dentro dos socialistas coruñeses cada vez son máis as voces que apostan por abandonar a vella teima vazqusita de seguir empregando o topónimo deturpado.
Logo de quince anos batallando xudicialmente sen resultados pola oficialidade de 'La Coruña', semella que sopran novos tempos no goberno local. Segundo adiantou La Opinión, o Concello promociona o turismo na cidade empregando o topónimo en galego: "Me gusta A Coruña, me gustas tú", parafraseando a famosa canción de Manu Chao. Aínda así, o pequeno xesto non se fixo estensivo a todas instancias, nin moito menos, que dependen do Concello.
Moitos militantes da agrupación local socialista están fartos dunha polémica que se eterniza. O propio alcalde, Xavier Losada, evita entrar neste debate dende que substituiu a Francisco Vázquez. De feito, as posturas non son unánimes. Abonde recordar as polémicas palabras do conselleiro Xosé Luis Méndez Romeu, nas que avogaba por fórmulas como a coexistencia do topónimo nos dous idiomas ou a supresión do polémico artigo. A Mesa pola Normalización Lingüística criticou duramente as palabras de Romeu ao que acusou de vulnerar a legalidade.