O ministro de Fomento, Rafael Arias Salgado, asinou o mércores a concesión da autoestrada Santiago-Alto de Santo Domingo, pertencente á conexión con Ourense. De acordo co texto, a obra deberá estar realizada no 2004, cun investimento de 50.925 millóns de pesetas, que inclúe unha participación da Xunta por 10.000 millóns.
Arias-Salgado, o presidente de FCC, Emilio Cebarmanos, e o conselleiro de Acesa, Salvador Alemany, foron os encargados de asinar a concesión da autoestrada, de 56 quilómetros, que costará aos usuarios dez pesetas o quilómetro.
A concesión outorgarase por un periodo de 75 anos, e no prazo de dous meses a partir da publicación do Real Decreto no BOE deberá constituirse a sociedade concesionaria. Este investimento comprende unha subvención de 10.000 millóns procedentes da Xunta a fondo perdido, que se farán efectivos en tres entregas correspondentes aos anos 1999, 2000 e 2001.
O Estado percibirá o 50% dos ingresos
O Estado concede asimesmo á sociedade concesionaria un préstamo participativo por importe de 10.000 millóns de pesetas. Como remuneración deste préstamo o Estado percibirá o 50 por cento dos ingresos de peaxe que superen uns determinados umbrais de tráfico, entre 4.340 e 7.140 de intensidade media diaria de vehículos dependendo dos tramos.
O proxecto inclúe o compromiso de finalizar os dous primeiros tramos dun total de cinco o 30 de xuño do ano 2002, unindo Santiago-Ribadulla e Ribadulla-Bandeira. O tramo Bandeira-Silleda deberá estar rematado o 31 de decembro do 2002, e o Silleda-Lalín Oeste, o 31 de decembro do 2003. O tramo final, Lalín Oeste-Alto de Santo Domingo deberá estar concluido o 31 de decembro do 2004, e será libre de peaxe para movementos internos.
De acordo co Gobierno, esta obra supon un "paso decisivo" para equilibrar o sistema viario interno de Galicia, mellorando as comunicacións entre importantes comarcas. Asimesmo, facilitará o acceso dos cidadáns de Ourense ao Aeroporto compostelano de Labacolla, o máis importante do Noroeste peninsular.
O Consello de Ministros adxudicou na reunión do pasado día 29 de outubre, logo de varios retrasos, a concesión da autoestrada Santiago-Ourense a un consorcio constituido por cinco empresas constructoras de ámbito estatal, tres concesionarias de autoestradas de peaxe e catro caixas de aforros -Caixavigo, Caixa Galicia, Caixa Ourense e Caja Madrid-.
En concreto, as empresas que construirán esta autoestrada de peaxe son FCC, ACS, Sacyr, Laín e Obras Con-Huarte. En canto ás concesionarias, Ibérica de Autopistas, Acesa e a Empresa Nacional de Autopistas. As tarifas que se aplicarán na autoestrada Santiago-Dozón serán de 9,5 pesetas por quilómetro para vehículos, e de entre 16 e 19 pesetas para as dúas categorías de vehículos pesados.