Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
6 E 7 DE OUTUBRO NO ATENEU POPULAR DE NOU BARRIS E SARGADELOS

II Foliada e presentación da Axenda Cultural Galega de Rede.cat

O Ateneu Popular de Nou Barris recunca como espazo para a cultura galega viva. Ao longo dos dous días de Foliada vaise presentar unha plataforma cultural innovadora, Rede.cat, formada por colectivos implicados directamente na potenciación da cultura galega en Catalunya. A parte festeira corre a cargo de case un cento de músicos, galegos e cataláns, que presentan un disco impactante, "A per loca", coa presenza de Manuel Rivas, Xurxo Souto, Festicutores, 3trebóns, Furafollas... Consulta aquí o programa.

- 10:55 17/10/2006
Tags:

A plataforma cultural Rede.cat

Está formada por cidadáns cataláns, de orixe galega ou que se senten identificados activamente con Galiza e Catalunya, e que contan xa cunha experiencia demostrada na organización de actividades cívicas e culturais galegas como Espazo Galego dos Països Catalans, Furafollas Agrupación Teatral, Foro Cívico Galego, Espazo Polifónico, ERGAC, Asociación Xohan de Requeixo, A Lonxa Arte, La Xina Art, FDG Cultural, Filoloxía Galega da UB, o Lectorado de Galego da UAB e Galauda. Rede.cat nace coa conciencia de que unha sociedade multicultural e plurilingüe precisa manter pontes de relación vivas. Por iso rede.cat ten como obxectivo fomentar e difundir unha imaxe da galeguidade en Cataluña que fuxa da visión reducionista, acrítica e folclórica creando por primeira vez a Axenda Cultural Galega de Catalunya.

Axenda Cultural Galega de Catalunya de Rede.cat

Rompendo cos minifundios, Rede.cat prefire sumar, e por iso puxo en marcha unha iniciativa ambiciosa e pioneira: a Axenda Cultural Galega de Catalunya 2006. Na súa presentación contará co apoio e a presenza de Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, e Ferran Bello, Director do Centre de Promoció de la Cultura Popular i Tradicional Catalana. Nesta Axenda Cultural recóllense as moitas actividades que organizan os grupos que forman parte de Rede.cat, así como aqueles actos conxuntos programados até o verán de 2007. A Axenda Cultural Galega de Catalunya 2006 poderase consultar nunha web, agora en construción, e que estará dispoñible en catalán e contará con actualización permanente.

II Foliada no Ateneu Popular de Nou Barris
O festival II Foliada é unha continuación da primeira edición celebrada no 2003. Unha chegada de artistas galegos a Barcelona para ofrecer e compartir o mellor das novas tendencias culturais galegas (proxectos, inquedanzas) e, ao mesmo tempo, consolidar vías de comunicación entre as dúas culturas, catalá e galega, aproveitando para a creación de vías de contacto. Neste festival actuarán os grupos galego-cataláns: Rumborrachera e Pegatina. Grupos que forman parte, xunto con outros provintes de Galiza, do disco colectivo A Per Loca, que será presentado en Barcelona dentro dos actos do festival.

Programa. Todos os actos son de balde.

Venres, 6 de outubro
No Ateneu Popular de Nou Barris, c/ Portlligat 11-15, 08042 Barcelona

19:00 - Pasarrúas con música e animación: Furafollas Agrupación Teatral e Festicultores Troupe. Punto de partida: Plaça Llucmajor.

20:30 - Presentación da II Foliada e inauguración da tempada 2006-07 do Ateneu Popular de Nou Barris. Benvida a cargo da asociación Bidó de Nou Barris (xestora do Ateneu de Nou Barris). Coa intervención do escritor galego Manuel Rivas.

21:15 - Degustación de produtos galegos no bar do Ateneu.

22:30 - Pasarrúas para dar entrada aos concertos a cargo de Festicultores Troupe.

23:00 - Presentación do disco "A Per Loca" . Inicio do concerto dos grupos de "A Per Loca" (1ª parte): Rumborachera (galego-catalán), Galegoz e A Matraca Perversa. Pase do audiovisual da I Foliada durante o concerto.

Sábado, 7 de outubro
Na Galería Sargadelos, c/ Provença, 274 -08008 Barcelona

18:00 - Conferencia a Ruta Histórica A Per Loca Marítima. A Perloca Musical, coa intevención de Rosa Maside, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, e Anxo Lois Dieguez Pardo, membro da Xunta Coordinadora d'A Per Loca.

No Ateneu Popular de Nou Barris
20:00 - Presentación da Axenda Cultura Galega de Catalunya da plataforma Rede.cat coa intervención de Xurxo Souto, locutor e músico; Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Conselleria de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; Ferran Bello, Director do Centre de Promoció de la Cultura Popular i Tradicional Catalana, do Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya.
- Audiovisual das actividades realizadas nestes últimos anos polas entidades que forman parte da plataforma.
- Audiovisual-presentación da Axenda Cultural Galega do 2006-07.
- Presentación de Rede.cat.

21:30 - Pulpada popular co Grupo de Gaitas do Centro Galego de Barcelona, no espazo adxacente ao Ateneu Popular.

23:00 - Monólogo de Alberte Montes. Inicio do concerto dos grupos de "A Per Loca" (2ª parte). Actúan: Pegatina (galego-catalán), 3Trebóns, Banda Potenkin, A Compañía do Ruido, Pinchadiscos Ivan de Sant Sadurniño. Pase do audiovisual da I Foliada (durante o concerto)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: