Unha escena sen precedentes no audiovisual galego produciuse onte na parroquia de Rinlo (Ribadeo), cando, no medio da quinta xornada de gravación da longametraxe Os mortos van á présa, o equipo recibiu a orde de parar porque se cancelaba a rodaxe. O director, Ángel de la Cruz, comunicóullelo tras recibir unha chamada da produtora, Dygra Films, na que se indicaba un único motivo: fallou unha parte do financiamento e non había cartos. Sen saber moi ben que facer, o equipo deu unha rolda de prensa pola tarde para polo menos denunciar esta situación que cualifican de "moi grave, tratándose ademáis dunha película cun 99 por cento de equipo galego", e que "crea un precedente moi difícil de levantar no futuro". O produtor, Manuel Gómez, que ademais é presidente da Academia Galega do Audiovisual, non apareceu por alí.
Os 85 actores e técnicos contratados pola produtora quedan nunha situación laboral incerta, aínda que a directora financeira de Dygra lles asegurou que revisarían cada contrato "caso por caso", pero tamén quixeron manifestar a situación na que queda a vila de Rinlo e o concello de Ribadeo "completamente involucrados no proxecto, caa maioría dos decorados montados, exteriores e interiores". O estado tan avanzado da produción mesmo lle fai ao equipo pensar en como seguir eles coa rodaxe da película, se buscando outra produtora -habería algunha xa interesada no proxecto- ou producíndoa eles mesmos en cooperativa. Pero isto é moi difícil xa que Dygra ten todos os dereitos, e contratos derivados dos mesmos, que custaría moito ceder.
Ademais da "irresponsabilidade" de ter comezado a rodaxe sen ter atado o financiamento da película, o equipo criticou que o director da empresa Dygra e produtor da película, Manolo Gómez, non se presentase "a dar a cara". Os medios de comunicación tamén intentaron falar con el durante a tarde de onte pero non foi posible contactar con el.
O director e guionista da película, Ángel de la Cruz, estaba moi disgustado coa paralización, sen previo aviso, dun proxecto no que leva traballando dende hai 7 anos e ao que se lle concedeu unha axuda para produción da Xunta en 1998. Por distintas dificultades de financiamento a rodaxe foise aprazando e cando por fin De la Cruz ve o seu soño realizado -a súa primeira longametraxe en imaxe real tras O bosque animado e O soño dunha noite de San Xoán-, atópase coa cancelación inesperada da rodaxe, aínda que non perde a esperanza de que se poida reanudar dalgún xeito.
Os mortos van á présa é unha comedia coral e costumista con tintes "máxicos", inspirada nunha anécdota real: un camión de reparto queda atascado á entrada dunha aldea de camiño demasiado estreito. A partir de aí a historia argallada por Ángel de la Cruz inclúe o enterro dun ancián e as tramas de tres parellas de tres relacións diferentes con relacións encontradas. Entre os actores están Chete Lera, Morris, Ernesto Chao, Neus Asensi e Fernando Fernán-Gómez.