Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PODERANSE VER AS PELÍCULAS QUE CONCURSAN NA SECCIÓN OFICIAL

Comezou a última fase de CurtoCircuíto

Na tarde deste luns inaugúrase o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto06. En dúas sesións e en dous bloques atendendo ao documental e á ficción, o Teatro Principal acollerá a gala de presentación destas proxeccións que compiten na sección oficial do certame, que se estenderán até o día 21. Ademais, será tamén neste acto no que se entregue o premio do público aos filmes proxectados en CurtoCircuíto na Rúa durante o verán.

- 15:28 17/10/2006
Tags:

Neste mesmo acto de presentación da competición oficial e antes de comezar as proxeccións, entregarase o Premio do Público á curta proxectada na Sección Oficial de CurtoCircuíto na Rúa, e que tal e como o seu nome indica, premiará a aquela película que, a xuízo do público foi a mellor de 'Verán en curto'. Ao remate comezarán as proxeccións de 13 curtas que pertencen aos xéneros de Documental e Ficción. Son dous horarios de proxección que se seguirán para poder visionar os filmes desta categoría: o primeiro de 20 a 22 h. e o segundo de 23 a 1 h.

No que respecta ao visionado e por ser o primeiro día e incluír o acto de inauguración como tal ademais da entrega do Premio do Público, as proxeccións comezarán ás 20:30 h e até as 22:30 a primeira delas, que corresponderá á sección dos documentais. Unha vez vistas estas películas, os asistentes poderán gozar dos filmes comprendidos dentro da categoría de ficción, cuxo visionado se estenderá até a unha da mañá e desde as once da noite.

No apartado dos documentais, os filmes que se poderán ver son Vou para contento, Trogloditas, Nach dem fall (after the fall), Balboa 5.5, Animais perigosos e Soa`l camìn, mentres que na categoría de ficción, os asistentes á gala de presentación asistirán á proxección de Dime o que sentes, Descoñecidos, DVD, Nasija, Carne de León, Ponys, Tocata e Foxe e O gran Zambini.

O responsábel do Festival e da Santiago de Compostela Filme Commission, Francisco Candea, concelleiro ademais de Turismo de Santiago, será quen dea a benvida nesta inauguración, que dará pé á proxección de boa parte das curtas seleccionadas, así como as que resultarán gañadoras, presentadas ao concurso Compostela CurtoCircuíto, din os organizadores.

I mercado internacional da curtametraxe

O I Mercado Internacional de Curtametrxes de Santiago de Compostela, inicia a súa andadura nos tres anos cos que conta o festival. A súa finalidade é a de ofrecermos un novo punto de encontro que favoreza a difusión destes filmes en todas as súas variantes, abrindo unha porta máis ao traballo dos autores tanto individuais como colectivos, ata a empresas e institucións ou calquera outra entidade, así como tamén favorecer permanentemente un servizo de contacto como unha 'auténtica Axencia de compra-venda' para para os que o soliciten. A inauguración será o día 19, no Centro Galego de Arte Contemporánea e continuará, de 11 a 20 h. os días 20 e 21 de outubro.

Actividades paralelas

De xeito parello á proxección das curtas na sección oficial de CurtoCircuíto, os organizadores previron tamén unha serie de actividades paralelas como son o concurso de edición, AVID-Non te curtes, que se celebrará os días 17, 18 e 19 de outubro. Cada día haberá dúas sesións, unha de mañá e unha de tarde, nas que trinta concursantes inscritos asistirán durante unha hora a unha clase teórica de edición impartida por Avid. Logo poderán realizar a montaxe da súa curta, cuxa duración non superará os 5 minutos. Dos catro finalistas, un Xurado do Festival seleccionará o gañador, que recibirá o Premio Avid durante a clausúra do Festival na Gala de Entrega de Premios.

CurtoCircuíto ofrece tamén un obradoiro de guión, que se celebrará os días 16 e 17 de outubro na sé da Fundación Torrente Ballester. Ademais, e para quen o desexe, existe tamén a posibilidade de acudir ao obradoiro de información infantíl e xuveníl, por María Morais. A dita actividade celebrarase os días 18 e 19 de outubro, na aula para nenos do CGAC, de 18 a 20 h. Outra das opcións é a de poder participar no obradoiro de financiamento o día 20 de outubro. Está dirixido a profesionais do sector audiovisual que queiran coñecer as vías de financiamento para producir unha curta.

Durante a tarde realizarase unha mesa redonda onde intervirán Koldo Zuazua, docente do curso, e diversos profesionais relacionados con este sector. O obradoiro celebrarase no Auditorio do CGAC, de 11 a 14 e de 16 a 18 h. e a mesa redonda terá lugar de 18 a 20 h. Desde a organización lembran que todas estas actividades son de balde e contan coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.


0/5 (0 votos)