O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sinalou que ten constancia de que o ata agora propietario de Fadesa, o coruñés Manuel Jove, ten vontade de seguir investindo no país. Touriño confía en que boa parte dos 2.500 millóns de euros que posuirá de fortuna o construtor revirtan en Galiza. As declaracións tiveron lugar pouco despois de que se soubera que Jove rexeitou a posibilidade de venderlle a Florentino Pérez a súas accións en Unión Fenosa.
Segundo El Confidencial, nas últimas semanas o empresario madrileño Florentino Pérez tanteou a Manuel Jove para mercarlle as accións que este ten en Unión Fenosa (5%). O presidente da todopoderosa ACS quere atar ampliar aínda máis o seu poder nas eléctricas. Na actualidade posúe o 35% de Fenosa e o 10% de Iberdrola. Os movementos terían que ver cunha futura fusión das dúas eléctricas, que tutelaría Florentino Pérez.
Cabe subliñar que nestes momentos Caixa Galicia ten o 10% de Fenosa, Caixanova un 5 e o Banco Pastor un 3,7. Con Jove, o capital galego suma algo máis dun 23% do accionariado de Unión Fenosa. Dende a Xunta veríase con moi bos ollos que todas estas forzas intentaran unha "regaleguización" da empresa. O movemento de Florentino Pérez buscaría abortar precisamente esa posibilidade.