Logo de que o pasado mes de xuño se aprobase a Lei de Transparencia, tan só cinco departamentos autonómicos teñen publicados no portal da Xunta o salario dos seus altos cargos. Polo de agora deron a coñecer estes datos Vicepresidencia e as consellarías de Medio Rural, Traballo, Medio Ambiente e Presidencia. Precisamente, esta última consellaría foi a primeira en publicar hai meses os datos, as restantes fixeron o mesmo recentemente, algunhas hoxe mesmo.
Tres meses despois de que entrase en vigor a Lei de Transparencia, aínda quedan oito consellarías e a propia Presidencia pendentes de publicar na rede os salarios dos seus altos cargos. Os que fixeron, optaron por diferentes modelos. En todos eles pode comprobarse a retribución anual bruta, aínda que a lista dos cargos é máis ou menos exhaustiva dependendo da consellaría.