Desta vez o Comité Galego de Xustiza Deportiva si que entrou a valorar a xestión de Xulio Meana ao fronte da Federación Galega de Fútbol. O pasado venres reuníase o comité, presidido polo avogado Carlos Borrás, e decidiu abrirlle expediente disciplinario ao presidente da Federación e a catro membros máis da entidade: o secretario, Ramón de Llano, o vicesecretario Benxamín Anido; o tesoureiro Luís Caridad; e a Fernando Pedre, presidente do Comité Galego de Adestradores.
Logo dunha xuntanza de máis de catro horas o pasado venres, o presidente do Comité Galego de Xustiza Deportiva, Carlos Borrás, explicou que, revisada a documentación presentada, hai indicios dabondo para abrir expediente disciplinario a Xulio Meana e a catro membros máis da Federación Galega de Fútbol.
Ademais do presidente da Federación, os imputados serán o secretario, Ramón de Llano, o vicesecretario Benxamín Anido; o tesoureiro Luís Caridad; e a Fernando Pedre, presidente do Comité Galego de Adestradores.
Agora comeza un período de instrución para escoitar ás partes coa presentación das alegacións que se consideren oportunas. O proceso discorrerá pola vía de urxencia, tal e como solicitou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, cando trasladou a documentación que lle foi presentada pola Asociación Galega de Clubs sobre a xestión dos dirixentes da Federación.