Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Guerra polo Curdistán?

Tanto en Turquía como en Irán semellan avanzar preparativos militares conxuntos para invadir o Curdistán iraquí e acabar coa insurxencia curda das milicias do PKK e o PJAK que, segundo as autoridades militares turcas e iranianas, atopan refuxio en torno as cidades de Mosul, Kirkuk e Irbil, no norte de Iraq.

- 06:54 02/10/2006
Tags:

Deste modo, e aínda co pleno desenvolvemento das tensións políticas entre Irán e Occidente sobre o programa nuclear e as recentes posguerras libanesa e iraquí, os preparativos desta eventual nova guerra condicionarían un posible e inédito reacomodo xeopolítico para Oriente Medio.

Un factor clave nesta puxa de intereses xeopolíticos é o petróleo, principalmente localizado na área de Kirkuk. Este rexión posúe o 40% da produción petroleira iraquí e localízase nun escenario clave. Para finais de 2007 deberá celebrarse un referendo de autonomía, no cal a maioría curda espera consolidar a súa hexemonía de poboación, creando tensión nas outras dúas comunidades, os turcománs e os árabes, e no goberno central de Bagdad.

Un ministro do Goberno Rexional Autónomo do Curdistán iraquí anunciou que, no caso de persistir esta permanente tensión con Bagdad sobre o control da explotación do petróleo de Kirkuk, esta entidade política rexional podería auspiciar o proceso de separación formal do Kurdistán das actuais fronteiras do Iraq, formando así o ansiado Estado kurdo.

Pero este escenario empeoraría tamén o delicado panorama, tomando en conta que Turquía, Irán e Siria non aceptarían a conformación deste Estado. Desde xuño pasado vense reunindo un total de 40.000 efectivos militares turcos e iranianos na súa fronteira conxunta con Iraq, ameazando cunha invasión a gran escala do Curdistán iraquí, onde se atopan uns 5.000 efectivos de milicias curdas.

O recente relevo na cúpula militar turca, coa designación de Yasar Buyukanit, revela tamén o reforzamento da idea de combater o que non tardaron en cualificar de "terrorismo e o separatismo". Nos derradeiros dous meses aumentaron as acción de grupos terroristas e as milicias curdas, con atentados en Istambul e zonas turísticas, un dos principais ingresos nacionais turcos, baixo o nome de Falcóns pola Liberación do Kurdistán e milicias adscritas ao PKK, defraudadas co incompleto proceso de reformas do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan.

Unha guerra no Curdistán iraquí involucraría a dous eixes específicos. Por unha banda, a inédita alianza militar entre a laica Turquía e a teocrática Irán, á cal podería engadirse unha semi-illada Siria. Por outra banda, EEUU intentaría aplacar este escenario claramente en contra, aínda contando co apoio de Israel, que posúe técnicos militares no Curdistán iraquí desde o 2004, traballando directamente coas milicias curdas.

Pola súa banda, os partidos e milicias curdas dependerían totalmente da diplomacia de Washington e o apoio loxístico de Israel. Restaría por ver a posición do goberno provisional iraquí, liderado polo presidente curdo Jalal Talabani e o primeiro ministro Al Jaafari. Para Bagdad, o dilema estaría en apoiar os curdos iraquís que buscan como obxectivo final unha secesión territorial, diante dunha eventual invasión militar turco-iraniana, ou desafiar a Washington no apartado de reprimir ás milicias kurdas no caso de que as demandas separatistas cobren maior forza.

Para Bagdad, Washington e as multinacionais petroleiras, Kirkuk é tamén unha peza clave na construción de oleodutos, cunha segunda apertura do ducto que vai do porto turco mediterráneo de Ceyhan ata Kirkuk, similar ao existente entre Bakú, Tbilisi e Ceyhan.

Turquía, tradicional aliado militar estadounidense e europeo e que ten reclamacións territoriais históricas sobre Kirkuk, esperaba concretar este proxecto que conta co total rexeite dos curdos, porque significaría colocar este zona baixo a eventual protección turca. Pero nos derradeiros días, Ankara e Washington se involucraron nunha polémica diplomática pola publicación, nun medio militar estadounidense, dun eventual mapa do Curdistán que incluía a 18 provincias turcas.

No caso de que o Curdistán iraquí sexa o outra fronte bélica, as alianzas militares mudarían de modo inesperado e radical. E o escenario rexional complicaríase cara niveis inesperados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: