Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLATAFORMA PARA ATRAER CARA A GALIZA PROXECTOS DE INVESTIMENTO

Goberno, universidades e empresas únense na Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento

A Xunta, as tres universidades galegas e empresas e entidades financeiras da importancia de PSA Peugeot-Citroën, Pescanova, Inditex ou Caixanova veñen de presentar a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento. Segundo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, trátase dunha plataforma para atraer cara a Galiza proxectos de investimento. A entidade promoverá a cooperación e interrelación do tecido empresarial e financeiro co mundo académico e coas distintas administracións públicas, co obxectivo de acadar a excelencia competitiva e mellorar o sistema produtivo galego.

- 07:02 29/09/2006
Tags:

Emilio Pérez Touriño presidiu na mañá de onte a presentación da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, unha entidade que aglutina empresas e entidades financeiras, as universidades galegas e o Goberno co obxectivo de atraer cara Galiza proxectos de investimento. Segundo Touriño, a Fundación está chamada a converterse en referente, ao aglutinar e potenciar unha rede de coñecemento, innovación e competitividade.

Na presentación, o presidente da Xunta definiu á Fundación como unha "ferramenta de comunicación, unha plataforma que ten que ser útil e fundamental" para o futuro de Galiza e que canalizará de forma eficiente os fluxos de información provenientes dos distintos ámbitos: empresa, entidades financeiras, universidades e administración publica.

Os obxectivos
Na presentación, presentáronse os obxectivos que perseguirá a Fundación: incrementar a capacidade competitiva do tecido empresarial galego, acelerar o crecemento socioeconómico a través da excelencia empresarial e a innovación; levar a cabo proxectos conxuntos entre universidade, empresa e administración; potenciar actuacións de promoción para atraer proxectos de investimento produtivo e de expansión cara ao exterior de empresarios galegos; fomentar a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a investigación; contribuír á creación dunha rede de cooperación e coñecemento; converxer cos países da Unión Europea máis desenvolvidos e favorecer a cohesión territorial alentando a converxencia entre a Galiza interior e a costeira. Todos estes puntos axudarían, segundo Touriño, a superar "o profundo déficit histórico" de Galiza neste senso.

A estratexia de Lisboa como referente
A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento seguirá no desenvolvemento das súas actividades a liña marcada pola Estratexia de Lisboa. Así, promoverá "todas aquelas iniciativas que axuden a fomentar o crecemento económico sostíbel de Galiza e a súa cohesión social, creando máis e mellor emprego".

Neste senso, Emilio Pérez Touriño sinalou que a fundación debe constituír un modelo de eficacia e de construción de sinerxías para colaborar a prol da converxencia coas rexións máis desenvolvidas de Europa. Así, o presidente lembrou o compromiso adquirido no Cumio de Lisboa: a necesidade de converterse na economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo, capaz de medrar economicamente, con máis e mellores empregos e con maior cohesión social.

Integrantes
Ademais da Xunta, na Fundación participan as seguintes empresas: PSA Peugeot-Citroën, Inditex, Pescanova, R, Coren, Finsa. No campo financeiro participan as tres principais entidades galegas: Caixanova, Caixa Galicia e o Banco Pastor, mentres que no universitario cóntase coa colaboración das tres universidades galegas.


0/5 (0 votos)