Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
PIDEN AXUDA

Fala Ceibe solicítalle á cidadanía que demande protección para o galego

A Asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo diríxese á cidadanía d'O Bierzo e de Galiza en pedimento de axuda para demandar ante as Cortes de Castela e León unha maior protección da lingua galega na reforma do Estatuto de Autonomía desta Comunidade Autónoma.

- 06:21 19/09/2006
Tags:

"Pretendemos máis recoñemento legal para o galego d'O Bierzo e da Alta Seabra que permita a necesaria normalización lingüística destes dous territorios" afirman dende a asociación. Neste sentido a declaración de oficialidade do galego debe ter lugar no mencionado Estatuto de Autonomía, o cal permitiría o uso administrativo deste idioma nas instituciois públicas. Ademais é lexítimo e xusto que todas as comunidades galego-falantes do noroeste peninsular (Galiza, Navia-Eo, O Bierzo e A Alta Seabra) teñan recoñecidos iguais dereitos lingüísticos, para salvar as discriminaciois que sofren os habitantes dos tres territorios estremeiros con idioma galego sen declaración de oficialidade.

Fala Ceibe lembra que xa a presión social e política tivo os seus resultados positivos en 1998, cando se conseguiu a inclusión da lingua galega no actual Estatuto de Autonomía de Castela e León, que quedou recollida da seguinte forma: "Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares nos que habitualmente se utilicen" (artigo 4.2). "Agora temos que esixir unha redacción alternativa que mellore a protección do galego cun novo artigo" puntualiza Fala Ceibe, que engade que "esta actual conxuntura política de reforma estatutaria debe ser aproveitada pola cidadanía para participar activamente, mediante a oferta de propostas favorabeis ao recoñecemento de máis dereitos, caso dos lingüísticos". E engaden "estamos ante unha oportunidade histórica para conseguir unha maior protección legal do idioma galego que precisa da mobilización social e política, e isto é así porque cremos firmemente que no fondo deste debate político está en xogo a propia existencia futura do galego, tanto n'O Bierzo coma na Alta Seabra".

Así, Fala Ceibe anima de novo a cidadanía d'O Bierzo e, especialmente a de Galiza, as súas instituciois (Parlamento, Xunta, Consello da Cultura Galega, universidades, etc), os partidos políticos, os sindicatos, as asociacións (culturais, mocidade...), os medios de comunicación e demais para que remesen as súas cartas e declaraciois oficiais á Comisión de reforma do Estatuto de Autonomía, das Cortes de Castela e León, en demanda dunha maior protección legal para a lingua galega d'O Bierzo e mais a Alta Seabra.

Os escritos dirixiranse a: Comisión de reforma del Estatuto de Autonomía, Cortes de Castilla y León, 47194 Fuensaldaña. As cartas deberán chegar ao seu destino antes do 29 de novembro de 2006, data en que se aprobará definitivamente o Estatuto polo pleno das Cortes de Castela e León. Dende Fala Ceibe dan as grazas "a todos e todas pola axuda solidaria".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: